Silleda, 22 de abril de 2017. A programación cultural no municipio de Silleda contará con máis dunha vintena de actividades ao longo do vindeiro mes de maio, organizadas tanto dende o Concello de Silleda como dende distintas asociacións e entidades. Teatro, música, baile, contacontos e outras actividades enchen a axenda do vindeiro mes no que tamén se celebra o Día das Letras.
En canto ao teatro, o domingo día 7 de maio ás 12 horas no auditorio Manuel Dopazo represéntase a obra Feo!, de Caramuxo Teatro. Este espectáculo infantil para nenos e nenas a partir de 3 anos, baseado no clásico de Andersen O parrulo feo, chega a través do programa Cultura no Camiño. O domingo día 14, tamén ás 12:00 na Casa da Xuventude de Silleda os membros do grupo infantil Escenario Público de Silleda poñen en escea a obra “Baixo a lúa do deserto”, incluída na programación do Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui.
Os espectáculos musicais arrancan tamén o domingo 7 de maio, cun concerto de saxos da Escola de Música Municipal de Silleda no mosteiro de Carboeiro (ás 17:00 horas).
O día das Letras, o mércores 17 de maio volta o Festival de Música Tradicional do Concello de Silleda que celebra a súa sétima edición no auditorio da Semana Verde. O día 21 o alumnado da Escola de Música de Silleda celebra tamén ás 18:00 horas unha audición.
A música coral tamén terá dúas citas en maio. Así, o día 20 celébrase unha nova edición de Voces de Carboeiro, que se celebrará no mosteiro organizado polo Coro Vales Mahía, e o 27 volta o recital Tardes de Primavera, da Coral Polifónica Trasdeza, no Salón Parroquial de Silleda.
Baile tradicional, danza moderna e Ruada en Parada
O baile tradicional será tamén protagonista con outros dous clásicos na vila da Bandeira. Así o día 13 terá lugar o Festival Infantil de Baile Tradicional de Xirandola e o 28 de maio volta unha nova edición do Festival Azaloira, do grupo Fortín da Pomba. As dúas actuacións serán no auditorio Manuel Dopazo.
Na parroquia de Parada a Asociación de Veciños organiza tamén o domingo 28 unha nova edición da Ruada nas fontes e lavadoiros da localidade.
En canto á danza moderna, a agrupación Máis que Danza celebrará senllos festivais no municipio. O domingo 14 a cita será na Bandeira e o 28 en Silleda.
Libros na rúa , pedagoxía Montessori e Dezarte
En canto á programación relacionada directamente coas Letras Galegas o CEIP Ramón de Valenzuela celebrará o venres día 12 a súa Romaría das Letras. Na xornada do 19 de maio chega tamén unha dobre cita. Ademais da terceira edición de Libros na rúa, o certame organizado dende a Concellería de Educación coa venda de libros e outras actividades, ás 17:00 horas Teatro Babaluva trae á Biblioteca Municipal Daniel Castelao o seu obradoiro para de Retrato pictograma sobre Carlos Casares á Biblioteca municipal Daniel Castelao, dentro do programa Ler conta moito. Dende o día 2 unha lona lembrando a Carlos Casares e o Día das Letras lucirá tamén no balcón da Casa da Cultura.
Tamén en maio retoma a súa actividade o programa Avelaíña, posto en marcha dende a Concellería de Cultura para o público infantil e as súas familias. Será o sábado 27 ás 10:30 horas na Casa da Xuventude coa sesión sobre Pedagoxía Montessori, dirixida a pais/nais e o público adulto interesado sobre o famoso método educativo ideado pola mestra e doctora italiana María Montessori a principios do século XX.
Dende a Asociación Cultural Vista Alegre en maio tamén se organiza unha nova edición da súa Semana Cultural que arrancará o 15 de maio ao igual que a segunda edición da mostra de artes plásticas Dezarte.
A programación complétase tamén coa andaina solidaria entre Silleda e Carboeiro que se celebra o día 17 que recadará fondos para o programa Vacacións en Paz, en beneficio dos nenos e nenas do Sáhara.
“Trátase dun programa amplo e variado para todos os públicos e que volve facer de maio unha época especial en canto a actividade cultural no municipio de Silleda”, indica a concelleira de Cultura, Ana Luisa González.