Silleda, 25 de abril de 2017. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, recibiu hoxe no consistorio a José González Costa, tesoureiro do Centro Lalín Silleda Agolada en Bos Aires. González Costa, que está a pasar uns días na comarca, acudiu acompañado da súa dona e dun primo de Lalín, localidade na que naceu e á que volta por primeira vez.
“Para mín é todo un motivo de satisfacción recibir a visita dos nosos emigrantes, veciños e veciñas que tiveron que abandonar unha terra que teñen moi presente no seu día a día “, indica o alcalde.
José González entregoulle ao alcalde un exemplar da revista que edita o Centro Lalín Agolada Bos Aires coas novas dunha importante colectividade nesta quinta provincia galega.
Tamén José González Costa amosou o seu agradecemento en nome do Centro ao alcalde silledense, que trasladou un agarimoso saúdo aos veciños e veciñas de Silleda residentes na capital arxentina a través do tesoureiro do colectivo.
O Centro Lalín Agolada Silleda celebrou en 2015 o seu 33 aniversario dende a fusión dos colectivos do Deza que existían na cidade porteña.