Silleda, 9 de maio de 2017. O certame de Microrrelatos convocado dende a Concellería de Normalización Lingüística de Silleda recibiu un total de 216 traballos, unha cifra que da conta da consolidación desta iniciativa que botou a andar con éxito en Silleda hai xa seis anos.
Por categorías, na de 6 a 12 anos presentáronse un total de 105 traballos, e na de 13 anos en adiante outros 111. A maioría dos participantes son estudantes de tres centros educativos do municipio (CEIP de Silleda, Colexio Plurilingüe María Inmaculada, e IES Pintor Colmeiro) aínda que tamén se presentaron outros 5 que non pertencen a centros educativos.
O lema deste ano é “Os contos do meu avó” e o xurado valorará a orixinalidade e creatividade dos textos, que deberán de estar escritos íntegramente en galego.
Os gañadores ou gañadoras de cada categoría recibirán como premio unha tablet valorada en 100 euros e vales de compra de 20 euros para canxear en comercios do municipio de Silleda. Ademais, se pertencen a algún centro educativo do Concello de Silleda entregarase outro vale de 50 euros para mercar libros en galego para o citado centro, en establecementos do municipio.
O xurado encargado de elixir os traballos gañadores estará formado por profesionais dos medios de comunicación e a concelleira de Normalización Lingüística. O fallo darase a coñecer nos vindeiros días. “O fomento da creatividade e do uso da lingua galega entre os máis novos seguen a ser os obxectivos desta proposta que cada ano conta con máis participación”, comenta a concelleira.