Silleda, 10 de maio de 2017. O vindeiro venres 19 de maio celebrarase en Silleda a terceira edición de Libros na rúa, o mercadiño solidario de libros que se complementará con numerosas actividades. Ao igual que en anos anteriores poñeránse á venda exemplares de segunda man a un prezo unitario de 1 euro. A cita, enmarcada no programa cultural do Mes das Letras, está organizada dende a Concellería de Educación, que dirixe Pili Peón, e conta con unha dobre vertente.
Así, ademais de ser unha aposta educativa e relacionada coa promoción da lectura tamén terá un carácter solidario, xa que a totalidade da recadación se destinará ao programa municipal Silleda Solidaria, que atende ás familias con menos recursos.
O certame terá lugar na praza da Igrexa de Silleda, en horario en de 11.00 a 19.00 horas. Alí estarán colocados varios postos onde o público poderá adquirir os exemplares usados á venda.
Participan neste certame o CEIP de Silleda, o CEIP Ramón de Valenzuela e o IES Pintor Colmeiro.
Actividades durante a xornada
Ademais da venda de libros, tamén se celebrarán actividades ao longo da xornada. Así durante a mañá haberá obradoiros de chapas, marcapáxinas e dados contacontos.
Ás 11:45 celebrarase o Miniconto con Dadá o Duende e xa pola tarde a partir das 18:15 celebrarase unha sesión de Contos Solidarios con Anxo Moure e a súa Ciclobiblioteca.
Dende o goberno municipal agradécese a implicación dos centros e das Anpas nesta cita “coa que ademais de fomentar a lectura entre os máis novos, estamos a axudar a moitas familias que o precisan”. Tamén se anima ao público a secundar a proposta de Libros na rúa acudindo nesta xornada a mercar libros.