Silleda, 15 de maio de 2017. Os Concellos de Vila de Cruces e Silleda urxen unha solución á grave situación na que se atopa a ponte da Carixa, que une ambos municipios sobre o río Deza. Os alcaldes destas localidades, Jesús Otero e Manuel Cuiña, achegáronse hoxe a esta pasarela para comprobar os danos rexistrados neste paso histórico.
“É moi necesario actuar con suma urxencia xa que o deterioro aumenta día a día “, sinala o alcalde cruceño que xa a pasada semana fotografiou o burato da ponte e que segue a agravarse. Ademais do grave deterioro, os dous alcaldes urxen unha solución polo grave perigo que supón, xa que ata esta ponte acceden moitas persoas que se achegan ata o entorno da área recreativa da Carixa.
Os dous mandatarios acordaron remitir escritos de forma conxunta ás Administracións supramunicipais solicitando o seu apoio para acometer, en primeira instancia, os traballos necesarios de conservación. O máis inminente é sellar a grieta e a continuación proponse unha actuación integral que inclúa tamén a limpeza da ponte e a retirada das hedras que se están a apoderar deste paso.
O escrito remitirase a varios organismos da Xunta de Galicia (Augas de Galicia, Medio Ambiente, Consellería de Cultura e Patrimonio) e tamén á Deputación de Pontevedra.
“Solicitamos o seu apoio para frear este gravísimo deterioro e evitar situacións de perigo ou do contrario a ponte caerá”, indicou o alcalde de Silleda.
A ponte foi construida hai preto de 90 anos por veciños de Merza e Martixe para permitir o paso dende a parroquia silledense ata un muiño, ao outro lado do río. Esta ponte está ligada á historia desta comarca e polo tanto é unha seña de identidade a conservar.