Silleda, 18 de maio de 2017. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e a concelleira de Educación, Pilar Peón, fixeron entrega esta mañá á directora do CEIP de Silleda, Mar Gómez, dos 6.000 euros da aportación municipal acordada o pasado ano.
“Deste xeito damos cumprimento ao convenio que asinamos coa Consellería de Cultura , Educación e Ordenación Universitaria para realizar distintas tarefas”, sinala o alcalde lembrando que nese acordo se establecían actuacións para tentar dar resposta aos problemas de humidade e calefacción que viña arrastrando o edificio.
Así mesmo, Cuiña lembra que o Concello de Silleda vén realizando distintas obras de mellora no edificio educativo, que debido á súa antigüidade precisa de labores de mantemento. Tarefas de pintado, limpeza de canalóns…xunto coa dotación dunha marquesina no corredor situado entre o pavillón e o edificio foron algúns dos traballos asumidos polo Concello.
O convenio asinado entre Educación e o Concello incluiu ademais a dotación dunha nova caldeira de calefacción, unha das grandes necesidades deste centro. “Dende o Concello seguiremos colaborando no mantemento dos centros e por suposto reclamando ante a Administración autonómica, que é quen ten as competencias, as inversións necesarias”, engade o alcalde.