O Concello de Silleda proxecta unha rede de calor con biomasa para varios edificios da zona deportiva e educativa

Silleda, 20 de maio de 2017. O Concello de Silleda vén de presentar á convocatoria de subvencións pararedes de distribución de enerxía térmica con equipos de xeración de biomasa un ambicioso e novidoso proxecto. Trátase de crear un rede de calor "District Heating" no entorno da zona deportiva da vila de Silleda, coa que subministrar calefacción e auga quente sanitaria a varios edificios conectados mediante tuberías preaisladas.  

 

A Central de Producción, que se ubicaría no entorno do recinto feirla, usaría biomasa como combustible, concretamente astilla, garantizando o subministro de calor a varias instalacións. Así, prevese que con este sistema se conectarían o pavillón polideportivo, o campo de fútbol de Outeiriño, a piscina municipal, a Escola Infantil A Galiña Azul e tamén o Hotel Vía Argentum.

Climatizar a piscina

Un dos puntos fortes da iniciativa ten como obxectivo a piscina municipal, xa que mediante esta rede de calor se podería climatizar a auga “o que nos permitiría contar servizo de piscina durante todo o ano en Silleda, incorporando despois outras infraestructuras necesarias como unha cuberta para protexer ou abrir este espazo dependendo da época do ano”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña.

Ademais, nunha fase posterior poderíanse conectar á esta rede de calor outros edificios como a actual Casada Cultura, a Escola de Música o CEIP de Silleda ou a Oficina Agraria Comarcal.  O proxecto presentado ten un orzamento que supera os 800.000 euros.

“É un proxecto ambicioso que culmina a aposta deste Concello por enerxías limpas que vimos realizando nos últimos anos coa dotación de caldeiras de biomasa en edificios municipais ou placas fotovoltáicas, entre outros”, explica o alcalde.

 

Aforro, valor engadido e xeración de emprego

Esta red de calor levaría consigo un importante aforro económico así como a reducción de emisións de CO2 e unha maior garantía de seguiridade no subministro enerxético, substituíndo combustibles fósiles por biomasa.

Do mesmo xeito, coa utilización de astilla, aumentaríase o valor engadido dos productos forestais, ao tempo que se xeraría emprego a nivel local.

 

“É unha iniciativa moi completa que de saír adiante suporá todo un fito no noso municipio permitíndonos aforrar custes e ao mesmo tempo dinamizar a economía local, ademais de mellorar os servizos á cidadanía”, engade o rexedor.

Con este proxecto o Concello de Silleda traballa para ser un referente en Galicia na xeración e autoabastecemento de enerxía con recursos propios, aproveitando os productos forestais dos montes do municipio. 

O feito de considerar a rede de calor como unha infraestrutura enerxética permite e facilita a convivencia de diferentes fontes de enerxía xa existentes no municipio e abre a porta á integración doutros procesos enerxéticos como por exemplo a xeración eléctrica a partir da exerxía térmica residual. “Temos a oportunidade de investir en lugar de simplemente gastar”, remarca o alcalde.  

Dende o Concello considerase que as redes de calor con biomasa forman parte dun presente cada vez máis comprometido co medio, polo que a iniciativa de conectar varios edificios públicos vai máis aló, e a intención e que nun futuro se poidan tamén enganchar ademais de edificios públicos outros privados, comunidades de veciños… beneficiándos das vantaxes económicas e medioambientais deste sistema.

Así, e seguindo a dinámica levada a cabo noutras localidades, na primeira fase xa se propón tamén a conexión dun hotel.

 

A resolución do 30 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do programa e se anuncia a convocactoria de subvencións para estes proxectos de distribución de enerxía con equipos de xeración de biomasa para os anos 2017/2018, cofinaciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, establece que se pode subvencionar o 80% do orzamento.