Silleda, 23 de maio de 2017. A campaña de desbroces no rural dentro do termo municipal de Silleda iniciouse esta semana na parroquia de Pazos. Logo de rematar os traballos de limpeza no recinto feiral Semana Verde e no entorno do mosteiro de Carboeiro, o programa de desbroces no rural comezou na parroquia de Pazos.
Alí están a traballar xa dous operarios municipais con cadanseu tractor, que continuarán nos vindeiros días tomando como referencia, ao igual que en anos anteriores a axenda festiva nas parroquias.
Así, os traballos continuarán nos vindeiros días en Parada, Fiestras, Refoxos, e Saídres, localidades que celebran os seus festexos patronais no mes de xuño.
Dende o goberno municipal advírtese que a campaña de desbroces é unha das tarefas máis laboriosas que se realiza dende o Concello, sobre todo tendo en conta a ampla extensión da rede viaria, que en todo o termo municipal supera os 1.000 kilómetros de pistas. O Concello adquiriu este ano un tractor para mellorar este servizo, un dos máis demandados polos veciños e veciñas do rural.