Silleda, 24 de maio de 2017. A consulta popular que se celebrará en Silleda o vindeiro domingo 4 de xuño sobre a ubicación da Casa Consistorial permitirá tamén o voto por correo. Todas aquelas persoas empadroadas no municipio de Silleda que desexen exercer o seu dereito por esta vía poden realizar a solicitude no Concello, onde se lles entregarán as papeletas.
O voto debe ser remitido por correo certificado sendo a data límite de saída o vindeiro martes día 30 de maio. Xunto coa papeleta correspondente o sobre deberá de conter unha copia do DNI.
Tal e como xa se informou as 13 mesas electorais estarán abertas en horario de 09:00 a 20:00 horas. As persoas que se achegen a votar deben de acudir co documento de identidade. As papeletas e sobres estarán dispoñibles ese día nos colexios electorais.
A celebración da consulta foi autorizada polo Consello de Ministros o pasado 24 de marzo, logo da proposta formulada polo goberno municipal. Os veciños e veciñas de Silleda deciden nesta xornada se están de acordo ou non co traslado de todas as oficinas municipais á actual Casa da Cultura, na rúa Progreso.