Silleda, 30 de maio de 2017. Hoxe iniciouse na Casa da Cultura de Silleda o proceso de formación para os establecementos que se adheriron ao Sistema Integral de Calidade Turística e de Destinos (SICTED), unha ferramenta -promovida pola Secretaría do Estado de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP)- que traballa con empresas e servizos de ata 32 oficios diferentes, influindo na experiencia e satisfacción do turista que visita o destino.
A iniciativa chega a Silleda da man da Deputación de Pontevedra e o patronato de Turismo Rías Baixas, un dos 203 destinos de toda España con esta calificación.
Ademais de establecementos de hostalería e de turismo rural, tamén participan en Silleda outros sectores coma o do transporte público. En total hai xa 13 empresas silledenses adheridas e prevese que poida aumentar o número nos vindeiros días, superando a media doutros municipios da provincia.
Esta formación, que continuará con outras accións é gratuita.
A concelleira de Turismo, Ana Luisa González, que a principios do mes pasado participou xunto co alcalde, Manuel Cuiña e o deputado de Turismo, Santos Héctor, na presentación da ferramenta en Silleda, lembra as vantaxes desta iniciativa para o sector, “non só para promocionar os puntos turísticos dende unha perspectiva global senon tamén para favorecer a profesionalización do sector e mellorar a súa competitividade”, engade.
Turismo Rías Baixas é no caso da provincia a entidade xestora deste programa integral que aumenta ademais a cualificación a través de cursos de formación para o persoal dos negocios que se sumen e ofrece unha asistencia técnica individualizada para cada empresa.