Silleda, 3 de xuño de 2017. O Día da Música terá como protagonista este ano en Silleda á cultura mediterránea. A cita, que celebra o seu décimo aniversario, volta á carballeira das Pedrosas o vindeiro sábado día 17, con diferentes actividades que continúan a aposta dinamizadora da Escola de Música Municipal de Silleda e a Banda Municipal de Silleda.
O director desta última, Rafa Agulló, presentou hoxe o programa dunha cita que ten como obxectivo “socializar, compartir, educar e enriquecer musicalmente tanto alumnos, como pais, socios e veciños en xeral”.
Nesta edición participarán tres grupos da comunidade valenciana : Colla de Dolçaines i Tabals “Mal Passet” , de Concentaina (un coro de dulzainas e tambores); o grupo de danzas Falaguera, de Muro, e o Correfocsc Dimonis Rafolins, de Alquería d’Asnar.
A cita comezará ás 11:00 horas co pasarrúas a cargo da aula tradicional da Escola de Música e de todos os grupos convidados, continuando ás 13:00 horas con actividades infantís e a presentación, con degustación incluída da XVIII Festa do Lacón.
ÁS 13:30 o grupo Mal Passet ofrecerá un concertó didáctico e seguidamente haberá unha comida de confraternidade de todos os grupos, na que colabora a Asociación Cultural O Lacón. Pola tarde os alumnos da Escola de Música ofrecerán un espectáculo ás 18:00 horas e haberá tamén unha merenda con degustación de tapas típicas de Valencia preparadas por hostaleiros locais. Ás 19:45 terá lugar o acto central da xornada, co Contero da Banda de Música de Silleda, que contará coa participación de Hilari Alonso, un dos cantautores de referencia en Valencia, así como dos grupos convidados en algunha das pezas.
Ás 21:00 horas haberá unha exhibición de baile do Grup de Danses Falaguera e xa para rematar a cea de confraternidade, cunha paella xigante feita por Molimar (Benicassim) en colaboración cos organizadores da Festa da Paella de Cortegada. O broche de ouro chegará a medianoite co espectáculo piromusical a cargo do grupo Correfocs Dimonis Rafolins, unha iniciativa novidosa que mistura, lume, danza e música en directo. Así mesmo, o artista silledense Toño González Abal está a preparar unha falla en colaboración cos nenos da escola.
Non faltará unha verbena valenciana amenizada polo Grupo Master.
O último día para retirar as entradas da cea (que inclue empanada, paella, pan, bebidas, postre e café) será o mércores 14, na Escola de Música e no Estanco Edita, cun prezo de 12 euros adultos, e 8 euros para nenos.
A concelleira de Cultura, Ana Luisa González, agradeceu o traballo da Escola e a Banda, “non só por sorprendernos con citas como esta senon polo excelente traballo que fan ao longo de todo o ano” e animou aos veciños, a sumarse a esta celebración do Día Internacional da Música, para sacar a cultura musical á rúa.
Na presentación o presidente da Asociación Cultural o Lacón, Luis González, sinalou que “é un orgullo estar presentes xunto ao gran traballo da banda”. Tamén asistiron o presidente da Banda, Herminio Gómez, e o vicepresidente do Lacón, Arturo López.
Baixo o lema Ecos do Mediterráneo, esta cita sumarase a este evento temático que noutras ocasións tivo como protagonistas a música folk, os grandes clásicos, o jazz, rock, música cubana, africana, de Sudarmérica ou o Fado portugués.
Dende a organización agradécese a colaboración do Concello de Silleda, a Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Semana Verde, Odaiko Percusión, a Festa do Lacón de Silleda, a Paella de Cortegada e Anpa Musiquiños.