O Esmorga Folk celebra mañá a súa 29 edición na Bandeira, consagrado como un dos festivais máis veteranos de Galicia

Silleda, 17 de agosto de 2017. O Esmorga Folk tomará maña o relevo do Bandeirock no programa festivo de verán da Bandeira.  Este xa clásico aperitivo musical da gran cita coa Festa da Empanada, volverá a encher de música tradicional a carballeira da localidade coa actuación de 4 grupos que prometen non defraudar cos seus directos.

Sobre as 23:00 horas arrancará a que é xa a 29 edición do Esmorga, coas pandereteiras As Lagharteiras; Ulträqäns, unha orixinal banda que define a súa música colos veteranos Xurxo Souto(Los Diplomáticos de Monte Alto)Fran Amil (Papaqueixos, Ruxe-Ruxe, Diplomáticos) e Antón Díaz (Papaqueixos); e como fin de festa para bailar, a música de Fiandola. O Esmorga Folk, que leva case tres décadas acompañando a cita gastronómica da Bandeira-declarada de Interese Turístico- é un dos festivais de música de raíz máis veteranos de Galicia.

Polo escenario do Esmorga desfilaron ao longo destes anos artistas de recoñecido prestixio tanto galegos como internacionais. Carlos Núñez, Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Milladoiro, ou Os Cempés…, entre outros, súmanse a nomes como os escoceses Carpercaillie, Shooglenifty, ou Kepa Junquera ao longo destas case tres décadas.

 

Actividades para os máis cativos, tiro á corda e máis música

O programa festeiro de mañá inclúe ademais actividades para os máis novos. Así a partir das 16:00 horas haberá xogos para os máis cativos na rúa Xeral, que a partir desta hora quedará pechada ao tráfico ata a madrugada do luns.

Ás 18:00 horas chegará a actuación do dúo Chuches Amil. Antes de subirse ao escenario do Esmorga, Fran Amil, unha das figuras clave do “bravú”, traerá ata Bandeira a súa proposta para o público familiar con temas coma os do seu disco “Un conto ao revés”.

A animación musical nas rúas da localidade chega mañá a cargo da Charanga BB+ e a Banda de Veteranos da Bandeira, que ofrecerá un concertó ás 19:30. Ás 21:00 horas chegará a sétima edición do Torneo Interparroquial de Tiro á Corda.

Co Esmorga Folk chegará o broche de ouro á xornada festeira do venres, antes do gran día da Empanada, festa que cumpre o sábado 43 anos.

Desvio da N-525

Dende o Concello de Silleda reiterase ao público e veciños que dende mañá ás 16:00 horas quedará prohibido estacionar en todas as rúas nas que se habilitará o desvio da estrada nacional.