Silleda, 18 de agosto de 2017. O Concello de Silleda renovará a rede de alumeado público no entorno da zona deportiva , escolar e feiral de Silleda. A reposición e ampliación das luminarias afectará ao tramo da avenida Recinto Feiral (dende o cruce coa rúa da Estación), ao que da á Escola de Música, piscinas e campo de Outeiriño, e auditorio e Residencia e Centro de Día.
“Con esta actuación pretendemos mellorar os servizos nesta zona, frecuentada por numerosos usuarios ademais de aumentar a seguridade”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.
O investimento ascende a 51.465 euros, financiándose parte desta actuación con cargo do Fondo de Compensación Ambiental. Esta obra foi adxudicada pola Xunta de Goberno Local á empresa Arteaga, logo dos trámites realizados mediante procedemento negociado sen publicidade.
Todas as luminarias destes tramos serán substituídas por outras de tecnoloxía LED. Así mesmo, nalgún caso poñeránse novos báculos. “Sustituiránse os que están situados na zona do auditorio da Semana Verde ou da Residencia por outros máis elevados, o que supón aumentar a luminosidade nesta área”, engade o rexedor. Con esta actuación o Concello de Silleda segue apostando mellorar servizos básicos coma o alumeado logo de distintas actuacións realizadas nos últimos anos en diversas rúas e localidades.