Silleda, 25 de agosto de 2017. A Concellería de Benestar Social de Silleda que dirixe Pilar Peón, programa unha nova excursión a través do Club do Centro Social dos Maiores a principios do vindeiro mes de outubro, no marco do programa municipal Silleda Activa. O destino será o veciño Portugal, con visita a varias localidades entre os días 3 e 6 de outubro.
Na primeira xornada a saída será ás 07:00 horas dende Silleda e A Bandeira, con visita e xantar en Aveiro, parada pola tarde en Nazaré e cea e noite en Setúbal. Dende alí, a expedición trasladarase o día 4 a dúas coñecidas e turísticas localidades do entorno, como son Sintra e Estoril. O día 5 visitarán Lisboa, coñecendo tanto o centro histórico como outros puntos da cidade.
Na última xornada, a do venres día 6, visitarase xa no traxecto de volta as vilas de Óbidos e Coimbra.
O prazo de inscrición abrirase o vindeiro venres día 8 de setembro. O prezo da viaxe, con todo incluido, é de 245 euros por persoa. Os interesados poden informarse e inscribirse na Casa da Cultura de Silleda ou chamando ao teléfono 986 581028.