Silleda, 4 de setembro de 2017. Silleda volve acoller unha nova edición da ruta de tractores clásicos, organizada dende a Asociación Galega de Maquinaria Agrícola Clásica (Agamac). A cita será o vindeiro domingo día 10 de setembro e comezará sobre as 10:30 coa concentración de tractores clásicos no campo da festa da parroquia de Graba.
A continuación, os participantes iniciarán a ruta ata Xestoso, pasando por Escuadro. En Xestoso, onde está previsto que remate o periplo sobre as 12:30 horas expoñeranse os tractores clásicos participantes.
Dado que o certame se caracterizou como Festa do Tractor, na cita que alcanza a séptima edición , poden participar todos aqueles agricultores que desexen acudir cos seus vehículos.
Ademais de poñer en valor os históricos vehículos relacionados co noso agro, esta iniciativa tamén ten como obxectivo a promoción de enclaves turísticos do municipio. Así, en anos anteriores os tractores antigos chegaron a Xestoso dende o mosteiro de Carboeiro ou a Ferveza do Toxa.
Na ruta silledense está prevista a participación de tractores antigos restaurados chegados dende distintos puntos da xeografía galega.
Ao remate da ruta en Xestoso, que celebra a súa festa patronal nesta data, está previsto un xantar de confraternidade. Para participar as persoas interesadas poden anotarse chamando ao 649 932307 ou ao 600 648380.