Silleda, 4 de outubro de 2017. Este venres día 6 inaugúrase na Casa da Cultura de Silleda a mostra colectiva de arte, expresión artística, pictórica e clásica con autores e autoras autodidactas veciños do municipio silledense. A inauguración está prevista para as 19:00 horas.
A exposición, con obras de pintura e tamén esculturas, contará coa participación de 14 veciños e veciñas do municipio de distintas idades. Así participan Beatriz Mosquera Mosquera, Kimberly Shuling Mosquera (a máis benxamina con 10 anos de idade); Luis Brey González; Carolina Cabaleiro López;Juan José Liñares Nieto;Victoria Cachafeiro Vidal;Antonio Costoya González;María José Márquez Rey;Olga Ramos Lareo; Isabel Ramos Lareo; Asiel López Castro;Teresa Caramés Maceira; Luisa Iglesias Míguez e Benigno Souto Fariñas, sendo este último o máis veterano con 86 anos de idade.
A exposición, con preto dunha trintena de obras, poderá verse na sala Pintor Colmeiro ata o vindeiro 31 de outubro, en horario de 09:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas (de luns a venres) e os sábados pola mañá, de 11:00 a 14:00 horas.
O Concello de Silleda abriu o pasado mes de xuño o prazo para que todos aqueles veciños e veciñas afeccionados á pintura ou a artes coma a talla poidan participar nesta mostra colectiva de autores locais amateurs.
A iniciativa xurdiu da man de dous pintores autodidactas que fixeron a proposta e contou co apoio do Concello.
“Con esta iniciativa estamos a promocionar e a difundir a creación dos nosos autores, neste caso de veciños e veciñas que estamos seguros que nos sorprenderán coa súa faceta como artistas”, indica a concelleira de Cultura, Ana Luisa González.