Silleda, 14 de decembro de 2017. Un total de 23 establecementos comerciais do municipio de Silleda repartirán este Nadal, nos produtos vendidos como agasallos, lemas en galego confeccionados polos alumnos e alumnas de varios centros educativos.
Nesta edición, a cuarta xa de Silleda Agasalla, participaron o CEIP Ramón de Valenzuela, CEIP de Silleda,e IES Pintor Colmeiro. En total aportaron 200 lemas de Nadal en galego (fíxose unha selección posterior) que se convertirán en deseños adhesivos para colocar nos agasallos vendidos polo comercio local, .
Silleda Agasalla botou a andar no ano 2014 da man da Concellería de Normalización Lingüística, en colaboración co comercio e os centros de ensino do municipio aos que dende o Concello se lles agradece a súa participación. Os adhesivos estanse a repartir na Casa da Cultura de Silleda. Esta iniciativa ponse en marcha a través da liña de axudas á dinamización e promoción do galego da Deputación de Pontevedra.