Silleda, 20 de febreiro de 2018. O Concello de Silleda promoverá a creación dunha Escola de Baloncesto no municipio. A concelleira de Deporte, Ana Luisa González Costa, mantivo hoxe un encontro con Pepe Casal, presidente da Fundación Heracles e responsable da canteira do Obradoiro CAB.
No encontro acordouse que o vindeiro mes de marzo, antes das vacacións de Semana Santa, se levará a cabo unha campaña informativa nos catro centros educativos do municipio para promocionar o baloncesto entre os máis novos a fin de crear unha escola.
“Este era un dos obxectivos que nos marcamos cando asinamos o contrato coa fundación para a posta en marcha do Obradoiro Silleda, o conxunto de liga EBA que ten a súa sede no noso municipio”, indica González Costa.
A idea é crear unha escola con nenos e nenas a partir de 6 anos de idade e crear categorías en función das inscricións (Baby Basket, Mini Basket, Infantil…..)
Na campaña participarán xogadores do Obradoiro Silleda ademais do propio Pepe Casal, toda unha eminencia do baloncesto en Galicia que foi ademais coordinador da Escola Galega de Deporte e preparador físico de Pau Gasol durante 10 anos.
“É todo un luxo poder contar con referentes como Pepe Casal e o Obradoiro para a posta en marcha deste proxecto co que queremos tamén transmitir aos máis novos todos os valores que implica esta disciplina deportiva”, indica Ana Luisa González.
Casal agradeceu o interese e compromiso do Concello na promoción e difusión deste deporte advertindo que xa viu na cancha ao final dos encontros do Obradoiro Silleda “algúns rapaces que apuntan maneiras”.
O Concello de Silleda asinou o pasado mes de setembro un convenio coa Fundación Heracles polo que se convertía esta tempada na sede oficial do equipo filial do Obradoiro CAB SAD de baloncesto. Nacía así o Obradoiro Silleda, unha iniciativa histórica no ámbito deportivo do municipio silledense.