As bases do Plan Municipal de Creación de Emprego abordaránse no pleno do vindeiro venres

Silleda, 3 de abril de 2018.  A orde do día do vindeiro pleno ordinario de Silleda, que se celebrará este venres día 6 ás 10:00 horas inclue a aprobación das bases do Plan Municipal de Creación de Emprego para o exercicio 2018. As bases, similares ás do ano 2017, publicaránse unha vez aprobadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra e estarán tamén colgadas na web municipal. As axudas, que foron postas en marcha polo goberno municipal ao principio desta lexislatura poden chegar ata os 3.000 euros para as persoas que –estando no paro- decidan emprender un negocio .

Puntúase que o promotor/a do proxecto sexa parado/a de longa duración;  a apertura de local; a alta no Réxime de Autónomos; a contratación de persoal; e prímanse aqueles proxectos relacionados co sector primario, medio ambiente o que aposten polo I+D+I. 

Tamén se outorgan puntos extra, para aqueles casos nos que os proxectos sexan promovidos por mulleres con cargas familiares de unidades monoparentais.

“O grande obxectivo que nos propuxemos con este programa é en definitiva a creación de emprego”, indica o alcalde, Manuel Cuiña. Os orzamentos municipais recollen para este programa unha partida similar a de 2017, con 15.000 euros, que se incrementarían se fora necesario.  As bases introducen  ao igual que o pasado ano a esixencia dun prazo mínimo de apertura de un ano. De feito, unha vez concedidas as axudas faránse efectivas co pagamento do 75% no momento de ser outorgada a subvención,  e o 25% restante aos seis meses.

O alcalde lembra que dende a súa posta en marcha xa se outorgaron máis dunha ducia de axudas. Tamén no pleno do venres (sesión correspondente ao pleno ordinario de marzo que se pospuxo polos festivos da Semana Santa) se acordará a adhesión de Silleda ao programa Doing Bussiness, “unha iniciativa que tamén ten por obxectivo favorecer o fomento do emprego con condicións vantaxosas para as empresas que se instalen no noso municipio”, engade.

Certame da campaña de empadroamento

Tamén no pleno do venres se someterán a aprobación as bases do certame Nas Festas somos máis, enmarcado na campaña de fomento do empadronamento. O concurso volverá a repartir un total de 3.000 euros entre as organizacións de festas do municipio (un premio de 1.500 euros, outro de 1.000 e un terceiro de 500 euros). As bases incluen como novidade que a contratación de grupos locais puntuará ata un máximo de 20 puntos, en lugar dos 30 propostos o ano pasado, para evitar desfases na puntuación final.

 

 

 

Regulamento para o Servizo Lúdico Educativo

Por outra banda tamén figura na orde do día, entre outros temas, a aprobación do regulamento de organización e funcionamento do Servizo Lúdico Educativo de partir dos centros de ensino fóra do horario lectivo, e a aprobación da taxa reguladora deste servizo.

A adxudicación das obras da segunda fase do campo de fútbol da Gandareira, na Bandeira, á empresa Taboada y Ramos, a única oferta que se presentou, é outro dos puntos da orde do día do pleno.