Silleda renova o seu portal web

 

Silleda, 30 de novembro de 2012. A páxina web do Concello de Silleda (www.silleda.es) estrea nova imaxe. O novo portal está xa a disposición dos usuarios, cun deseño e contidos moito máis claros. A web foi presentada hoxe pola alcaldesa, Paula Fernández, e membros da empresa Conta Local S.L.,  (Pablo Durán e Juan Pablo Calvo) encargada da renovación. “A estrutura está moito máis clara, xa que o que se busca é primar a información á cidadanía cun portal web no que poidan atopar información sobre distintos servizos”, engade Paula Fernández, tamén responsable municipal en materia de Comunicación e Novas Tecnoloxías.

Un dos principais cambios respecto ao portal anterior é o cambio nos apartados principais. Co novo diseño, os distintos departamentos están recollidos dentro das respectivas concellerías. A web silleda.es tamén conta con enlaces á web de turismo, e a outros organismos.

Así mesmo, o apartado adicado ao Concello, con información relativa ao funcionamento da entidade local, incorpora seccións nas que se poderán consultar dende actas das xuntas de goberno e das sesións plenarias, ata datos relativos ao persoal con adicación exclusiva (pódense ver as nóminas) ou a declaración de bens patrimoniais dos concelleiros.

“Esta información dase a coñecer enmarcada nas pautas de transparencia que deberían de seguir todos os cargos públicos. “No noso acordo de goberno figuraba facer público os bens dos concelleiros”, engade a alcaldesa, que asistíu á presentación xunto aos edís Manuel Cuíña e Matías R. Da Torre.

Novos programas municipais

Ademais da información estructurada por Concellerías, a nova páxina permite acceder directamente a través de banners a sección de interese coma as que recollen os contidos de novos programas municipais. Así, ademais do plan Silleda Activa, a primeira das actuacións do Clube do Centro Social dos Maiores, tamén se pode acceder á iniciativa Silleda Solidaria. Esta última conta cun espazo web de deseño diferenciado, onde ademais das liñas de actuación e o resumo do que significa esta rede de axuda, os Servizos Socias irán colgando as mensaxes sobre recursos necesarios. Ao mesmo tempo, a través deste espazo web as asociacións tamén poden contactar directamente cos Servizos Sociais do Concello.

Tamén figuran entre os destacados enlaces directos co bloque do CIM ou o de Participación Cidadá, e o apartado “Silleda contra os desafiuzamentos”, no que se ofrecen consellos ás persoas que se enfronten a estas situacións. Así mesmo, no apartado Silleda Emprega están actualizadas as ofertas de traballo do Servizo Galego de Colocación e como novidade incorporase un espazo para conectar cos emigrantes (Silledenses no exterior).  A historia, datos xeográficos, as parroquias ou os rueiros de Silleda e da Bandeira figuran no apartado “Terra de Trasdeza”. Así mesmo, a nova web municipal inclue un directorio de empresas ao que se poden ir sumando as firmas locais interesadas, ordenanzas municipais, listado de todas as dependencias municipais, o Pefil do Contratante, ou información relativa a servizos (teléfonos de servizos públicos, horario de autobuses, farmacias de garda).

Sin custes para o Concello

Paula Fernández destacou o traballo feito por Conta Local e explicou que a renovación da web non tivo custes para o Concello, xa que se enmarca dentro do contrato de soporte técnico e de contabilidade con esta empresa. Tamén explicou que por mor do plan de axuste este foi un dos contratos revisados e que a cantidade paso de 910 a 756 euros ao mes.

Entre as novidades destaca tamén o acceso directo ás redes sociais, información meteorolóxica ou unha axenda na que se irán colgando os distintos eventos que se celebren nos municipios.

Pablo Durán sinalou que a páxina é un portal “vivo”, que se irá actualizando

En resumo, trátase dun portal con información “moito máis clara, esquemática e áxil para os usuarios”, sinalou Paula Fernández, quen agradeceu á empresa Conta Local S.L. o traballo realizado.