O vindeiro domingo día 16 terá lugar en Silleda a segunda edición da comida solidaria para o reparto de xoguetes entre os nenos e nenas das familias con menos recursos. A cita foi presentada hoxe no Concello por dúas das súas promotoras, as empresarias locais Yolanda Villar e Conchi Cochón, que xunto con Isabel Ferreiro puxeron en marcha esta iniciativa solidaria o pasado ano.
A comida benéfica será no restaurante González a partir das 13.00 horas e comezará cunha charla sobre alimentación infantil a cargo do doutor Juan Carlos de Santis. Segundo explicaron as organizadoras haberá actuacións musicais, e unha poxa, ao igual que o ano pasado, coa que se recadarán fondos para a causa. “Será unha cita moi divertida”, apuntaron Yolanda Villar e Conchi Cochón.
As entradas para acudir á comida custan 15 euros, dos que a metade serán para pagar a comida (coa colaboración do Restaurante González) e a outra para o fondo co que se mercarán os xoguetes. Para os nenos/as custarán 7 euros. Estarán á venda na Casa da Xuventude, no Herbolario Isca e no propio Restaurante González, ata o día 14. Tamén se poñerán á venda entradas de fila cero. A día de hoxe xa se recadaron 347 euros de distintas aportacións. Entre os colaboradores figura a Obra Social de La Caixa.
A iniciativa conta co apoio do Concello e coa colaboración desinteresada das alumnas do programa Aurora, xestionada polo Concello, que participarán no petitorio polos comercios e empresas.
A alcaldesa, Paula Fernández, destacou durante a presentación o compromiso das organizadoras así coma a colaboración das alumnas do Aurora e os establecementos que tamén participan de xeito desinteresado. Así mesmo fixo un chamamento a outros municipios do Deza para participar, como aconteceu na primeira edición.
Paula Fernández lembrou que o programa municipal Silleda Solidaria tamén acaba de poñer en marcha outra campaña para recoller xoguetes pero que neste caso se trataba de mercar xogos e xoguetes novos, que serán repartidos entre os nenos e nenas de xeito personalizado.
“Esta actividade xurde do nosa e preocupación pola infancia e pola ilusión que supón un xoguete para un neno”, explicou Yolanda Villar. As familias que queiran acollerse a este programa poden poñerse en contacto coas promotoras de xeito totalmente confidencial a través dos seguintes números de teléfono: 685 105382; 685 105388; 672 458790.