Comeza a elección dos Consellos Parroquiais no municipio silledense

 

Silleda, 13 de febreiro de 2013. A Concellaría de Participación Cidadá, que dirixe Matías R. Da Torre, inicia a semana próxima o calendario de votacións para elixir ás persoas que formarán parte dos Consellos Parroquiais, entidades de representación a nivel parroquial que xurden ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá aprobado o pasado ano.

O calendario arranca o vindeiro luns día 18 en Pazos ( de 18.00 a 21.00 horas) e continuará nesa mesma semana en Cira, Rellas, Abades e Saídres. A axenda complétase en Taboada (día 25); Parada (26) e Vilar (27) . No mes de marzo as eleccións continuarán en Breixa (día 1); Dornelas (4); Oleiros (5); Ansemil-Martixe (6); Cervaña (7); Margaride (8); Moalde (11); Ponte (12); Graba (13); Xestoso (14); Lamela (15); Cortegada (18); Refoxos (19); Laro (20); Escuadro (21); Carboeiro (22); Negreiros (25) e Chapa o día 26.

Xa no mes de abril, logo da Semana Santa, a axenda retómase o luns día 1 en Siador; o martes día 2 en Fiestras, o mércores 3 en O Castro, o xoves 4 en Piñeiro e o venres 5  en Manduas.

A estas sesión están convocados presidentes e vogais de cada mesa, segundo sorteo celebrado o pasado 18 de xuño nas dependencias municipais, que serán os encargados de dar fe como veciños/as do proceso de elección. Tamén acudirá ás sesión un traballador do Concello de Silleda para levantar as actas de escrutinio de cada xornada .

Para presentarse a estas eleccións como candidatas/os os requisitos son: ter cumpridos 18 anos e estar empadroado na parroquia. Os interesados en ser candidatas/os poden dirixirse  por escrito á Concellaría de Participación Cidadá para,  ou ben mediante comunicación verbal ou escrita á  mesa 5 minutos antes de dar comezo á votación, ou por votación directa dos electores, sempre respectando a opción de renuncia por parte do elixido.

Nas votacións poderán participar todos os veciños e veciñas maiores de idade para elixir aos/as  seus representantes aos que poderá unirse un  representante elixido en asemblea pola Asociación de Veciños, dos cales o que obteña o maior número de votos será Presidente e o segundo vicepresidente do Consello Parroquial.

 

O concelleiro de Participación Cidadá anima a toda a veciñanza das parroquias a votar “para escolleren os seus representantes democráticos nas parroquias por primeira vez, co fin de mellorar a conexión entre as parroquias e o Concello, lograr unha maior participación veciñal na vida municipal e, sobre todo, acadar un órgano que represente os intereses do rural silledense ao servizo de cada aldea e en beneficio da comunidade”, engade

 

Deste xeito, tamén anima a todos os veciños e veciñas a presentarse a estes comicios para traballar en común por mellorar as cousas en cada parroquia. “É unha responsabilidade que recae directamente na xente e desde a Concellaría de Participación Cidadá agárdase que se aproveite esta oportunidade de participación directa dos veciños nas decisións municipais”, engade Da Torre.

 

Dende o citado departamento municipal xa se levaron a cabo nos últimos meses reunións informativas obre o Regulamento de Participación Cidadá, e agora o proceso continúa coa elección dos Consellos Parroquiais órganos representante das parroquias  que terán como obxectivos a participación, consulta información e control da xestión municipal, que ao mesmo tempo permitirá e impulsará as propostas das/os veciñas/os e colectivos.

 

Segundo establecen as normas que regulan a participación nestas eleccións, o número de representantes de cada consello dependerá do número de residentes en cada parroquia así, ata 100 residentes, haberá 2 participantes; de 100 a 250, 3 representantes; de 251 a 500, 4 representantes e nas que teñan máis de 500, 5 representantes.

 As eleccións terán lugar nos locais sociais de cada parroquia e deixaranse un mínimo de 3 horas para a votación en furna (en principio a maioría das sesións están previstas entre as 19.00 e as 22.00 horas).

Na normativa tamén figura que as mesas estarán compostas por un/unha presidente/a, que será un veciño/a da parroquia elixido por sorteo entre o padrón de residentes; outro veciño/a como vogal e un traballador/a municipal que actuará tamén como vogal e levantará acta.

Todos os membros do Consello Parroquial serán renovados cada 4 anos, seguindo os tempos da lexislatura municipal.