-Na xornada de feira, o día 23, haberá 10 sorteos con premios como lavados de coche, revisións pre ITV en tallerres ou lotes de produtos de limpeza, por xentileza de empresas locais
-A campaña comeza mañá nun total de 54 establecementos, que tamén abrirán ao público o domingo día 17
Silleda, 13 de marzo de 2013. O programa Silleda 10, para a dinamización do comercio, comeza mañá nun total de 54 establecementos de distintos sectores. Todos eles contarán no seu interior cun espazo dedicado a produtos protagonistas, todos de calidade 10 e a prezos 10. A gran maioría das diferentes ofertas e propostas xa poden consultarse na web www.silleda10.com. Os descontos van dende o 10% ata ofertas en produtos estrela ou mesmo descontos a todos os produtos dun mesmo establecemento.
A campaña, coa calidade como máxima, continuará ata o vindeiro sábado día 23, xornada final que terá como broche de ouro unha feira exterior na rúa Cartaxena na que estarán presentes a grande maioría dos establecementos que participan nesta iniciativa. Ademais da venda de produtos, a cita, en horario de 10 a 10 contará con degustacións a cargo da Asociación Cultural O Lacón de Silleda e a Asociación de Amigos da Empanada da Bandeira.
Tamén nesta xornada se celebrarán un total de 10 sorteos, ás horas e 10, para o que se repartirán un total de 5.000 rifas entre os clientes durante estes días. Entre os premios figuran tres lotes de produtos de limpeza por valor de 75 euros cada un, donados pola firma local Disiclín; dous premios de de 20 € cada un equivalentes a 10 lavados normais de coche (cada premio), por xentileza da Estación de Servizo Silleda; ou 20 puntos de revisión gratuita de vehículos ou pre ITV, que inclúe revisión de niveis, desgaste de elementos, freos, análises de gases; comprobación de perdas de aceite, pastillas de freo…Estes premios chegan da man de varios talleres silledenses (Barrio , Carbón, Dario, Taín, Tato e Sixto). Dende a organización faise extensivo o agradecemento a todas as empresas que participan “apoiando tamén esta iniciativa pioneira e novidosa”, engade o concelleiro de Comercio, Klaus Brey, así como das asociacións gastronómicas.
Xa por último, o gran sorteo final, previsto para as 20.10 horas, consistirá nun premio de 500 euros para gastar nos establecementos participantes no programa. Este premio é aportado polos propios comercios e empresas que forman parte da iniciativa, que agora agarda á resposta do público.
Apertura o domingo 17
Entre os 10 días que durará a campaña, tamén se inclúe a xornada do vindeiro domingo 17, no que os establecementos participantes estarán abertos ao público no seu horario habitual. A Concellería de Comercio, dende a que se promoveu esta iniciativa pioneira, restalta a grande implicación dos comercios, locais hostaleiros e casas de turismo rural adheridos e anima a todos os veciños e visitantes a achegarse a coñecer as ofertas e a calidade dos produtos que serán protagonistas desta campaña.