Silleda, 3 de xullo de 2014. O Concello de Silleda deu a coñecer hoxe o cartel das Festas de Verán de Silleda, que se celebrarán dende o vindeiro venres 11 ao domingo 13.
O alcalde, Manuel Cuíña, acompañado dos edís Pilar Peón e Luis Rodríguez, deu a coñecer os detalles do cartel, feito nun “tempo récord” e con actividades para todas as idades, logo de que o Concello asumira hai unha semana a organización das festas da capital de Trasdeza nunha situación excepcional.
Cuíña explicou que se apostou polas actuacións de grupos locais nun programa que arrancará o venres co tradicional chupinazo (12.00 horas) dende o balcón da Casa da Cultura, acompañado pola a animación da Charanga Chourizo Criollo (CCC), con integrantes da Banda Municipal de Música de Silleda, que durante toda a xornada animarán con música as rúas da vila.
Ás 21 horas a Banda Xuvenil de Silleda , presentará un novidoso espectáculo de luz e son, acompañados por Odaiko Percussion, no entorno da praza da Feira Vella, onde a partir das 22.00 horas se celebrará a XVI Festa do Lacón. A velada, neste escenario estará amenizada polo dúo Óvice.
Mentres, a charanga seguirá levando o ambiente festivo ás rúas ata as 02.00 horas. A esta hora dará comezo na rúa Cartagena o concerto do grupo de rock Barrio Rojo, con integrantes de Silleda, que actuarán aproximadamente ata as 04.00 horas.
O sábado día 12, a partir das 19.00 horas Viravolta Títeres percorrerá as rúas co espectáculo “O frautista de Hamelín”. Tamén pola tarde se celebrará nas pistas de O Castro a Final do Torneo de Tenis Concello de Silleda (individual e dobres), e pola noite haberá verbena coas orquestas Bahía e Midas (situadas na praza da Igrexa e na praza Siñor Afranio).
O domingo os festexos rematan con unha xornada intensa, amenizada polas dúas bandas do municipio: a Municipal de Silleda e a Recreativa e Cultural da Bandeira . Así ás 10.30 haberá pasarrúas a cargo das citadas formacións e ás 12.00 horas na igrexa parroquial de Santa Eulalia, haberá misa solemne cantada pola Coral Polifónica Trasdeza.
A continuación, na explanada xunto á praza da igrexa celebrarase o concerto a cargo das devanditas bandas.
Pola tarde, na praza da igrexa, celebrarase para os máis novos (17.30 horas) unha sesión de xogos populares, con premios para os/as gañadores. Ás 19.30 terá lugar a actuación do grupo de baile tradicional Xirandola da Bandeira, na praza Siñor Afranio.
Por último, ás 21.00 horas, tamén na praza Siñor Afranio a cargo da Banda de Música Municipal de Silleda e Banda Recreativa e Cultural da Bandeira.
Nesta xornada tamén rematará na Casa da Cultura a exposición Silleda no século XIX, que dende o 7 de xullo recibiu xa máis de 700 visitas.
Dende o Concello de Silleda, Manuel Cuíña agradeceu a colabroación de todos os veciños e veciñas, hosteleiros, comerciantes e empresarios que “nunha situación extraña, están colaborando, ou xa o fixeron antes, tanto co petitorio como cos ingresos na conta de Abanca”, dixo.
Así mesmo, Cuíña reiterou que os cartos recaudados inicialmente pola comisión foron entregados no Concello e ingresados xa no momento na citada conta (2.026 euros).
Sobre o orzamento dos festexos, o alcalde indicou que “de xeito moi aproximado o orzamento está nos 17.000 euros que saen da “colaboración, bondade e xenerosidade dos silledenses, así como do esforzo de todos os grupos locais axustando o prezo”, engadiu.
Cuíña explicou que unha vez rematadas as festas se dará conta de todos os detalles da xestión económica. Así, desvelou que a aportación municipal no ano 2013 foi de 6.000 euros e que se estima que este ano non se terá que aumentar. “Vendo como está indo todo, creo que as arcas municipais sairán ben paradas e a aportación do Concello será unha das máis pequeñas das últimas décadas”, rematou.