Silleda, 30 de setembro de 2014. O Concello de Silleda colaborará, un ano máis, coa organización do programa Vacacións en Paz, de acollida de nenos e nenas saharauis durante o verán. As familias interesadas en participar neste acollemento durante o verán de 2015 poden recibir toda a información e inscribirse no departamento de Servizos Sociais.
Dende o Concello, quere facerse un chamamento á solidaridade entre os silledenses para participar nesta iniciativa de acollida. “Animamos aos veciños e veciñas a sumarse ao programa, para acoller aos nenos e nenas que viven nos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Arxelia, e que grazas a Vacacións en Paz poderán sair do deserto e deixar, por uns meses as duras condicións de vida que teñen que soportar”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña.
O rexedor lembra que o Concello de Silleda vén colaborando nos últimos anos coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, coa colaboración en actividades como o Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui, que se celebrou en Silleda nos últimos dous anos, ou a campaña de recollida e reciclaxe de roupa e calzado usado, cos que se busca financiar precisamente o programa Vacacións en Paz.
Galicia ven participando nesta iniciativa solidaria dende o ano 1991 ofrecendo ás familias saharauis a posibilidade de que as súas fillas e os seus fillos, desfruten dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias galegas acolledoras. Este ano 2014 participaron no programa 326 nenos e nenas en Galicia.