-Baixo o nome “Nos tamén somos eles”, esta campaña pretende recoller materiais de primeira necesidade para enviar ós campamentos
O Concello de Silleda, dende o programa de cooperación Silleda Solidaria, que dirixe Pili Peón, continúa coa campaña “Nos tamén somos eles”, para a axuda aos milleiros de persoas que foxen do terror e da barbarie das guerras.
En colaboración coa Asociación Alhambra-Internacional, está en marcha unha campaña de recollida de materiais de primeira necesidade para enviar ós campamentos de refuxiados.
Os produtos máis demandados nestes intres son: mantas, (normais ou térmicas), chuvasqueiros e roupa de abrigo en xeral, botas de auga e calzado de inverno, tanto para adultos, como para nenos. Tamén son necesarios alimentos enlatados, galletas, e biberóns, chupetes e leite en po para os máis cativos. Precisan ademais vinagre de mazá para tratar as infestacións de piollos.
Dende a Asociación colaboradora fan un chamamento ante a necesidade urxente de roupa interior e produtos de hixiene feminina, así coma gorras ou viseiras para protexerse do sol.
Todos estes materiais, e calquera outro co que se queira contribuír estanse a recoller nas dependencias de Servizos Sociais do Concello, en horario de 8.00 a 15.00.
Dende o programa Silleda Solidaria agradécese a colaboración de todos os veciños e veciñas que coa súa aportación contribuirán a mellorar na medida do posible a penosa situación actual de milleiros de refuxiados.
“Lamentamos a nefasta xestión da crise dos refuxiados por parte das autoridades europeas e dos estados membros, e solicitamos unha solución rápida e eficaz que acabe con esta traxedia”, declara a edil de Igualdade e Benestar, Pili Peón.