O Concello de Silleda colabora coa campaña solidaria “Súmate. Doa sangue”

Silleda, 22 de xullo de 2016.  O Concello de Silleda e o Centro de Transfusión de Galicia impulsan a participación dos veciños e veciñas nas campañas de doazón de sangue para garantir o labor dos hospitais galegos, que precisan 10.000 doazóns de sangue cada mes.

As épocas do ano de maior dificultade para a doazón de sangue coinciden co verán. Os enfermos ingresados nos hospitais galegos seguen a precisar a solidariedade da cidadanía, e por iso, o Concello distribuirá material informativo para tratar de incrementar a participación.

As persoas maiores de 18 anos que desexen participar poden acudir a:

SILLEDA

Mércores 27 de XULLO

Unidade móbil na avda. do Parque xunto á parada de taxis (fronte ao nº 3)

10.00 ás 14.00 e 16.00 ás 21.00 horas

 

A Organización Mundial da Saúde recomenda acadar de 40 a 60 doazóns de sangue por cada 1.000 habitantes para cubrir todas as necesidades dos hospitais. O obxectivo é manter a participación de 63 doazóns por cada 1.000 habitantes que acadou o Concello de Silleda en 2015 e poder axudar a moitos enfermos que precisan da nosa solidariedade.

 

Queremos facer un agradecemento especial a todas as persoas que doan sangue. Silleda conta con 1.236 doadores censados que realizaron 9.200 doazóns de sangue dende a primeira visita da unidade móbil do CTG en febreiro de 1995. Grazas a este xesto solidario, cada día os hospitais atenden unha media de 2.700 urxencias, realizan máis de 500 intervencións cirúrxicas e levan a cabo 3 transplantes de órganos e tecidos.

Neste verán, moitas persoas dependen da solidariedade dos veciños e veciñas de Silleda para recuperar a saúde ou salvar a vida. Súmate, doa sangue.

 

EVOLUCIÓN DAS CAMPAÑAS DE DOAZÓN DE SANGUE EN SILLEDA

A participación dos veciños e veciñas de Silleda en 2015 acadou 550 doazóns de sangue, o que supón 63 doazóns por cada 1.000 habitantes, unha taxa de doazón que acada as cifras que recomenda a Organización Mundial da Saúde para cubrir as necesidades de compoñentes sanguíneos dos hospitais (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano).

CONCELLO

DOAZÓNS
2014

TAXA  DE
DOAZON
2014

DOAZÓNS
2015

TAXA  DE
DOAZON
2015

SILLEDA

529

59/1.000

550

63/1.000

 

Para manter a participación é necesario impulsar cada ano iniciativas para sensibilizar aos veciños e veciñas da importancia deste acto solidario:

1.     Distribución nos buzóns de todo o Concello dunha carta informativa, tres ou catro días antes de que se achegue a unidade móbil do CTG.

2.     Envío dende o Concello dunha nota de prensa e información na web e redes sociais do Concello ou calquera outra iniciativa no eido veciñal ou educativo dirixida a mellorar a participación e acadar a maior difusión desta campaña solidaria.

 

A unidade móbil do CTG acude cada dous meses a Silleda e cada tres meses a Bandeira e dende a primeira visita da unidade móbil en febreiro de 1995 houbo un total de 9.200 doazóns de sangue, realizadas polas 1.236 persoas censadas como doadores de sangue no concello. Con estas doazóns, e a modo de exemplo, poderíanse levar a cabo 4.600 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a máis de 1.500 enfermos de cancro ou leucemia.

As épocas de maior dificultade para acadar as doazóns de sangue que precisan todos os enfermos coinciden co período de vacacións de verán (xuño, xullo, agosto). Por iso, lévanse a cabo accións informativas en colaboración cos concellos, para tratar de garantir unha participación axeitada co obxectivo de cubrir as necesidades de compoñentes sanguíneos que precisan os hospitais.

O sangue non se pode fabricar e só pode obterse da doazón voluntaria e altruísta das persoas

Súmate. Doa sangue