Silleda, 2 de novembro de 2016. O Concello de Silleda programou para este mes de novembro unha completa axenda de actividades tanto de tipo cultural como divulgativo, educativo e de lecer.
O programa arranca mañá xoves co inicio dun dos primeiros cursos programados por Cultura, o de elaboración de xabróns e cosmética natural. Nas xornadas do venres 4 e o sábado 5 continuarán as Xornadas Micolóxicas do Centro de Desenvolvemento agrario, que arrancaron a pasada fin de semana.
Tamén o venres día 4, ás 20:00 horas na Casa da Cultura se presenta o libro “Pereiro de Silleda”, sobre a vida do empresario e emprendedor silledense Perfecto Pereiro.
As actividades do Centro de Desenvolvemento son unhas das protagonistas do calendario que hoxe deu a coñecer o alcalde Manuel Cuiña xunto cos concelleiros Ana Luisa González, Pili Peón e Jesús Taboada.
Así, o vindeiro xoves día 17 celébrase a segunda das expedicións programadas polo Centro Agrario a distintos puntos da provincia de Lugo, logo da exitosa visita a explotacións de sidra e viño o pasado mes de setembro. Realizarase unha visita a Xenética Fontao, centro de referencia en Galicia para o sector gandeiro, e tamén se amosarán as potencialidades da castaña cunha visita a unha prantación de castiñeiros en Guntín e un centro de transformación de castañas en Monterroso. As persoas que desexen asistir só terán que abonar o xantar.
Ao día seguinte, o venres 18 celebraránse as terceiras xornadas formativas do Centro Agrario, no Centro Cultural Vista Alegre (a partir das 16:00 horas), adicadas á Agricultura Ecolóxica. Medio Ambiente e Súade, a ecoloxía aplicada ao agro e a situación da agricultura ecolóxica na comarca do Deza serán os temas a desenvolver nesta nova cita do centro silledense.
Tamén a finais deste mes comezarán os cursos de Poda e Enxerto e de Horta Ecolóxica e mantense aberto o prazo para anotarse no curso gratuito de manipulador de fitosanitarios, que se celebrará no caso de xuntarse un mínimo de 20 persoas.
Revolta, teatro en Silleda e Santa Icía
Este sábado día 5 a gala “Revolta” con todos os grupos da Bandeira servirá para dar a coñecer as melloras técnicas e de accesibilidade ao edificio municipal, que mellorará a súa oferta cultural coas novas dotacións de luz e son ou a creación de novos accesos.
As actividades culturais continuarán o domingo día 13 en Silleda, coa representación a cargo do grupo Medias Verdes Teatro de As bágoas do demo: o casting, baseada na obra de Ramón de Valenzuela, na Casa da Cultura de Silleda.
Tamén o sábado día 19 a Banda Municipal de Silleda celebrará o seu tradicional Concerto de Santa Icía no auditorio da Semana Verde.
Encontro dos Furious e exposición de Gabriel Tizón sobre África
Unha das actividades principais do programa de novembro chega da man da Concellería de Educación. Será un encontro o vindeiro martes 22 con membros do grupo musical Furious Monkey House, formado por nenos e mozos de 11 a 13 anos que está a arrasar no panorama musical. A formación pontevedresa, que xurdiu a raíz dun experimento musical do profesor Gonzalo Maceira, está a colaborar coa Fundación ANAR (Axuda a Nenos e Adolescentes en Risco) nunha campaña contra o acoso escolar, entre outros.
Na cita, o martes 22 ás 19:30 horas na Casa da Cultura de Silleda estarán Mariña, vocalista do grupo, o seu profesor González Maceira e o produtor do grupo. O acoso escolar, o maltrato no entorno familiar e o sexting, son algúns dos temas que protagonizarán esta charla-coloquio incluída na campaña para dar visibilidade a estes problemas.
Tamén dende a Concellería de Educación e Igualdade se organiza a mostra fotográfica “África, soños e mentiras”, realizada polo fotoxornalista Gabriel Tizón e que chega da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Inaugurarase na Casa da Cultura o xoves 18.
Semana Cultural en Cira, café concerto en Parada e varios magostos
A Semana Cultural de Cira, a máis veterana do municipio, volta dende o vindeiro luns día 7 ata o sábado 12, con actividades todos os días entre as que destacan a actuación de Cándido Pazó o mércores día 9 e a do Mago Teto o xoves día 10. Outro dos referentes en Semanas Culturais, a da Asociación Vista Alegre da Bandeira pechará o día 30 (data na que comeza) o completo calendario de novembro, con varios magostos tamén e outras celebracións en distintas zonas do rural.
Así, na parroquia de Parada o sábado día 12 a Asociación de Veciños celebra ás 17:30 horas un café-concerto no Centro Social da localidade.
O sabor dos magostos chegará este venres ao Centro Social da Bandeira, o domingo día 6 a Moalde, o día 12 a Cortegada, o día 11 no Centro Cultural Vista Alegre (con concurso de postres ) ; o venres día 18 celebrarase o dos Maiores no restaurante Coteliño de Silleda e o 19 o da Asociación Avema de Manduas.
Actividades polo 25-N e Contos pola Igualdade para os máis pequenos
Dende a Concellería de Igualdade estanse a pechar os actos con motivo do Día da Non Violencia o vindeiro venres 25. Tamén dende o programa Avelaíña se aposta por actividades que fomenten a igualdade dende as idades máis temperás coa actividade A cita será o sábado día 26 de novembro, na Casa da Xuventude de Silleda, coa sesión “Contos contiños para medrar todos xuntiños”, en hroario de 11:00 a 13:00 horas. Ademais dun contacontos sobre a igualde de xénero, haberá un obradoiro de manualidades para as familias e unha exposición de contos para orientar ás familias sobre cómo introducir aos nenos na cuestión coeducativa.