O Concello de Silleda xa está a traballar na axuda aos damnificados polos incendios

 

 

Silleda, 27 de outubro de 2017.  O Concello de Silleda continúa a disposición dos veciños e veciñas damnificados pola vaga de lumes. Dende o goberno municipal xa se está a traballar neste senso colaborando con distintos afectados, caso dunha familia de Xubín, na parroquia de Cortegada, á que se lle queimou a tubaxe da traída por mor do grave incendio do pasado domingo día 15.

O alcalde, Manuel Cuiña lembra que as Administracións se farán cargo dos danos. Así, o Concello canalizará as reclamacións que poderán optar á orde das axudas autonómicas que se habilatarán nos vindeiros días logo da publicación do Decreto 102/2017 .

“Sabemos que hai casos coma o de traída de augas afectadas, coma o caso de Xubín, en Cortegada no que xa estamos traballando para que poidan restablecer o servizo canto antes”, apunta o alcalde.

O concelleiro de Medio Rural, Jesús Taboada, tamén se achegou ata o lugar para ver as medidas de urxencia a adoptar.

Ademais do caso de Xubín, tamén se están a atender solicitudes de información e asesoramento para a recuperación dos montes e prados queimados, a través da enxeñeira de montes e o enxeñeiro industrial que traballan no Concello.

Do mesmo xeito, o rexedor avanza que no caso de que os damnificados no poidan esperar a recibir as axudas, por falta de recursos económicos Manuel Cuiña advirte que o Concello adiantará a reparación de bens.

Así, faise un chamamento a todos aqueles veciños e veciñas que sufriran danos polos incendios para que se acheguen canto antes ata o Concello a fin de elaborar un informe completo que será remitido tanto á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), organismo que se encargará de facer unha compilación dos todos os danos causados , como á Xunta de Galicia.