O Concello de Silleda, a través do departamento de Benestar Social, que dirixe Dolores García, quere amosar, unha vez máis, o seu agradecemento á asociación solidaria Mencer de Lalín, que entregou hoxe varias caixas de hortalizas e fruta ao Banco de Alimentos silledense, dentro do programa Silleda Solidaria.
Estes alimentos repartiranse entre as familias con menos recursos do municipio, usuarias do Banco de Alimentos, dende onte continúa a recollida de produtos non perecedeiros nos supermercados de Silleda e A Bandeira.
“Temos que agradecer a colaboración deste colectivo de Lalín, que xa en varias ocasións está a colabroar con nós, ao igual que moitos veciños e veciñas, establecementos, asociacións, empresas e colectivos que están a facer achegas ao programa”, engade Dolores García.
Nesta liña, dende o programa Silleda Solidaria tamén se aplaude a iniciativa da organización do Bandeirock que o pasado día 21 recolleu alimentos a favor de Silleda Solidaria no concerto celebrado na Bandeira.
Campaña continua nos supermercados
Do mesmo xeito, todas aquelas persoas que desexen colaborar co Banco de Alimentos poden facer as súas achegas de produtos non perecedeiros nos supermercados de Silleda e da Bandeira, onde se vén realizando unha campaña de recollida continuada. “Tamén hai que agradecer aos establecementos e a todas aquelas persoas que fan as súas aportacións as súas achegas”, engade Dolores García.