Silleda, 17 de abril de 2019. O mosteiro de Carboeiro recibiu no primeiro trimestre do ano un total de 2.802 visitas, o que supón un incremento de case 500 persoas respecto ao mesmo periodo do ano anterior. O mes con maior afluenza de visitantes foi o pasado mes de marzo cando se achegaron ata o mosteiro un total de 1.692 persoas (en marzo de 2018 rexistraronse 976 entradas). En febreiro foron 857 e en xaneiro a cifra foi moito menor, con 253 accesos.
En todo caso, o balance deste primeiro trimestre da conta do auxe de visitantes do mosteiro, que no citado periodo de 2018 recibiu a 2.319 visitantes, casi 500 menos que este ano.
Dende a Concellería de Turismo, que dirixe Ana Luisa González, agárdase que nos vindeiros días festivos, dadas as boas previsións meteorolóxicas, as visitas experimenten un ascenso, vendo o resultado de anos anteriores, xa que a Semana Santa acostuma a ser un periodo vacacional que moitos aproveitan para achegarse a Carboeiro e o seu entorno.
Aberto todos os días
Dende o pasado mes de marzo, o mosteiro románico está aberto ao público todos os días da semana. Abre as súas portas de 11:00 a 14:30 e de 15:30 a 19:00 horas .
Carboeiro, unha das xoias do románico oxival galego, e tamén o seu entorno, ao pé do río Deza, é visitado cada ano por milleiros de persoas de distintas nacionalidades.
Este espazo histórico e cultural é xunto coa Fervenza do Toxa, co que comparte o sendeiro do Deza, o gran referente turístico do municipio.