Silleda, 24 de xuño de 2019. O Concello de Silleda a través do departamento de Igualdade volve poñer en marcha este ano a campaña “NON é NON”, coa finalidade de sensibilizar a cidadanía contra as agresións sexuais e o acoso ás mulleres durante as festas locais, para que homes e mulleres disfruten das celebracións en condicións de igualdade.
Esta campaña, que se puxo en marcha o pasado ano de xeito pioneiro en Galicia, chegará este ano ás Festas de Verán de Silleda, a Festa da Empanada da Bandeira e á Romaría da Tortilla de Laro.
O obxectivo prioritario é comunicar e difundir unha mensaxe clave de PREVENCIÓN DO ACOSO E AS AGRESIÓNS SEXUAIS, instando a comportamentos de respecto e de recoñecemento de que o NON, tamén en festas, debe ser respectado.
Levarase a cabo un soporte comunicativo para facer chegar a mensaxe ao conxunto da cidadanía, protexer ás vítimas potenciais e informar as persoas participantes nas festas, do Protocolo a seguir no suposto de detectar ou sufrir unha agresión sexista.
Así crearánse dous puntos de información, Puntos Violetas, nas localidades de Silleda e Bandeira e un punto en Laro, durante a celebración das súas respectivas festas locais; baixo o lema «NON É NON», serán espazos nos que se sensibilizará á poboación en xeral e se atenderá, informará e axudará ás vítimas de calquera tipo de agresión sexista.
Os referidos puntos de información, que estarán atendidos por voluntarias/os -ás/aos que se lle proporcionará formación en igualdade e experiencia en prevención e violencia de xénero- estarán abertos ao público os días das festas locais de Silleda, Bandeira e Laro, en horarios de 13:00 a 14:30 horas e de 20:30 horas a 3:00 horas.
Así mesmo, nesta campaña contarase cun servizo de tres educadores de rúa que informarán, distribuirán folletos e material promocional da campaña.
-A campaña silledense tamén distribuirá carteis que estarán presentes en todos os postos e negocios do pobo, medios de transporte -taxis, autobuses…. Sendo especialmente intensa a campaña nos establecementos de ocio nocturno.
Selección de voluntarios/as
Así mesmo mañá martes día 25 abrirase o prazo para a selección de voluntari@s, tendo lugar a sesión formativa para @s voluntari@s dos Puntos Informativos e as/os educadores de rúa os días 5, 6 e 7 de xullo, en horario de 17:00 a 20:00 horas.
Tamén está previsto ler o manifesto da campaña no pregón, concertos e diversas actuacións que se celebren.