Silleda, 29 de xuño de 2019. A Banda de Música Municipal de Silleda e a Banda de Gaitas do Concello de Forcarei, xunto co grupo de baile tradicional Xirandela, acompañados dun gran elenco de artistas, participarán o vindeiro mes de agosto no prestixioso Festival Intercéltico de Lorient.
A cita será o sábado 3 no teatro desta localidade da Bretaña francesa, co espectáculo “Le chemin de Breogán, no que a música e o baile se funden para poñer en valor a cultura tradicional e popular galega.
A presentación desta proposta, que reunirá ademais no escenario a recoñecidos e prestixisos artistas galegos, tivo lugar hoxe no mosteiro de Aciveiro, coa participación da alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e os directores e presidentes da formacións: Rafa Agulló ,director da Banda de Música de Silleda, José Antonio Vidueiros, director da Banda de Gaitas do Concello de Forcarei, Herminio Gómez, presidente da banda silledense, e Enrique Rey Diéguez, presidente do grupo forcaricense.
Segundo explicaron os directores, Le chemin de Breogán, e “unha aposta polo retorno as orixes, a converxencia entre o folclore, a música popular e a música sinfónica, unha viaxe ao momento no que as bandas de música bebían das raíces da súa xente e a música, e de cando o baile tradicional recibía un renacimento de oxíxeno, con novos ritmos, armonías e instrumentos”.
Así mesmo, recalcan que esa proximidade no espacio e no tempo, son precisamente “a orixe das formacións que comparten escenario con este espectáculo, con grande compenetración” presentando ante o público un repertorio conxunto que conforma un mosaico de cores, imaxes e sonidos fantásticos, un programa fresco e renovado no que a música e o baile tradicional renacen collidos da man de xeito inigualabre, dinámico e sorprendente.
Artistas colaboradores
Polo escenario do teatro de Lorient, acompañando ás dúas formacións, desfilarán recoñecidos e prestixiosos intérpretes do panorama galego. Así, en Le chemin de Breogán participan o multi instrumentista, investigador, concertista e constructor Abraham Cupeiro; o cantante Davide Salvado, voz na actualidade da afamada “Banda das Crexas”; e o virtuoso gaiteiro Pablo Seoane, que ten participado en festivais de música celta de gran renome internacional.
Tamén estarán a cantante Begoña Lorenzo, natural de Rodeiro, e mestra en Trasdescola (Lugo), colaboradora asidua de varias formacións como vocalista; o gaiteiro José Manuel López “Josele”, tamén docente e premiado en numerosos certames de música tradicional; e o multi instrumentistas de folk Suso Vaamonde, con máis de 20 traballos discográficos publicados, e que recentemente actuou en Silleda. As cantadoras e tocadoras da A Pontagra (A Coruña), que forman Bouba, tamén participarán no espectáculo, no que o baile tradicional chega da man do grupo Xirandela, nado en Madrid en 2011 e que nos últimos anos se ten convertido nun referente.
No repertorio figuran temas como A Barroca, de Nazario González; o poena de Curros Enriquez “Unha noite na eira do trigo”, musicado por José Castro “Chane”; Pequena Meiga; o pasodobre Puenteares, de Soutullo; Finisterrae, de Adrián Saavedra; a Rianxeira, ou A Lenda de Montelongo, entre outras.
Outras actuacións e agradecementos
Así mesmo, os grupos tamén realizarán outras actuacións dentro do festival de Loriént, que se celebra do 2 ao 11 de agosto, como as Noites Intercélticas, o especáculo “De Tradición”, con Suso Vaamonde ou a Gran Noite de Galicia, que terá lugar o luns día 5 no Space Marine.
A expedición partirá o xoves día 1 de agosto dende Silleda. Durante a presentación, os rexedores de Silleda e Forcarei felicitaron ás dúas formacións por este espectáculo que supón todo un fito “e que da boa conta do nivel músical de Silleda e de Forcarei, coa participación neste prestixioso certame”.
Pola súa banda, os presidentes e directores agradeceron o apoio dos dous Concellos, da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, a Agadic, e ao Pablo Seoane, delegado galego do Festival Interceltique de Lorient.