Silleda celebrará o Día Internacional da Muller Rural cunha exposición e novas actividades da escola de empoderamento feminino

Silleda,  7 de outubro de 2019-.  O Concello de Silleda celebrará a vindeira semana distintas actividades con motivo do Día Internacional da Muller Rural, que se conmemora o martes día 15.

Nesa mesma data terá lugar a inauguración da mostra Mulleres Galegas, da Deputación de Pontevedra, unha exposición que estará ata final de mes na Casa da Cultura de Silleda presentando a biografía dalgunhas das mulleres máis senelleiras da historia de Galicia en diferentes eidos. María Balteira, Inés de Castro, María Castaña, María Pita, María Soliña, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato, La Bella Otero, Ernestina Otero, Maruja Mallo, Enriqueta Otero, María Antonia Dans, María Casares, Xela Arias e Julia Minguillón son as 17 protagonistas desta iniciativa.

A mostra itinerante da Deputación de Pontevedra reinvidica o papel destas mulleres que foron silenciadas no devir da historia de Galicia dende diferentes ámbitos. A inauguración da mostra será o martes día 15 ás 12:00 horas.

Xa o mércores día 16 a programación continúa cunha nova actividade da Escola de Empoderamento Feminino, coordinada polo departamento de

 

Igualdade a través do Centro de Información á Muller.  En concreto celebrarase a segunda edición de “Almorzo con…” , baixo o lema “A economía con lentes violeta”. Nesta cita está prevista a participación de 13 veciñas e veciños do municipio de Silleda que debatirán acerca da singular contribución das mulleres no ámbito da economía doméstica.

A cita será ás 10:00 horas tamén na Casa da Cultura de Silleda, e enmarcada así mesmo nas accións do IV Plan de Promoción da Igualdade de Oportunidades 2017-2020 do Concello de Silleda, con actividades para debatir e reflexionar en torno a temáticas de xénero.

Así mesmo, tamén o vindeiro mes a compañía teatral A Cova das Letras estreará o 16 de novembro no auditorio Manuel Dopazo o seu espectáculo sobre María Pita, seguindo a estela de recuperar e poñer en valor a figuras femininas da historia en Galicia.