Silleda, 11 de novembro de 2019. O Concello de Silleda continúa apostando pola mellora da rede viaria no rural con novas iniciativas. Así, unha das actuacións que se está a acometer estes días con cargo ao programa de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal, cofinanciado a través da Axencia de Desenvolvemento Rural (Agader), é a do vial que une as parroquias de Piñeiro e Abades, que presentaba numerosas deficiencias.
A actuación, cun investimento total previsto de 93.448,73 euros, lévase a cabo en dous tramos que suman algo máis de 2 kilómetros de lonxitude.
O primeiro deles é que vai dende o cruce co vial da Deputación EP-6511 (Bandeira-Piñeiro) ata o lugar de Covas, xa na parroquia de Abades, con 1.071 metros de lonxitude. Tamén se arranxa con esta actuación este vial no tramo dende Covas ata a pista que enlaza coa igrexa de Abades. Os traballos foron adxudicados á empresa Taboada y Ramos.
“É un vial moi transitado e que presenta moitas deficiencias pese a os arranxos puntuais que se levan realizado nos últimos anos”, indica o alcalde, “por iso apostamos por unha mellora integral de todo o trazado ao que dotamos de aglomerado en quente”, engade o rexedor, Manuel Cuiña.
Con esta actuación continúase apostando pola mellora do viario municipal do municipio, cunha extensa rede de pistas. Está previsto que os traballos rematen nos vindeiros días.