Silleda, 30 de novembro de 2019. O Concurso de Escaparates de Nadal organizado polo Concello de Silleda a través do departamento municipal de Comercio arrancará o vindeiro xoves día 5 de decembro no marco do programa navideño en Silleda. O obxectivo do certame, que cumple este ano dúas décadas, é estimular nos comerciantes e empresas de todo o municipio o movemento dos escaparates, de maneira que se dispoñan artísticamente e con sentido publicitario e comercial os produtos que se mostran.
Poderán participar todos os comerciantes e empresarios do Concello que posúan escaparates de exterior preparados de acordo cas condicións xerais que regulan o concurso.
Non se esixirá inscrición previa e será unha Comisión de Admisión a que determinará a partir do día 5 qué establecementos entrarán a formar parte do grupo de seleccionados para o concurso final.
Outorgaránse tres premios: un primeiro do Concello de Silleda dotado con 200 euros, un segundo premio , dotado con 150 euros que aporta o Hotel Vía Argentum (ao escaparate máis orixinal e innovador) e un terceiro de 100 euros por xentileza de Estación de Servicio Silleda, ao escaparate máis comercial con exposición de produto. Os establecementos galardoados recibirán ademais candanseu diploma.
O xurado valorará entre outras cuestións a orixinalidade e innovación, iluminación dos escaparates e tamén o seu carácter comercial á hora de amosar o produto.
Tendo en conta as diferenzas existentes entre os distintos comercios e os produtos quese poden expoñer, valoraranse os medios e recursos cos que se contan así como o esforzo feito en cada traballo.
Os premios serán entregados o vindeiro día 3 de xaneiro no Salón de Plenos de Concello. O xurado desta 20 edición do certame de escaparates estará integrado de novo por profesoras e alumnos/as do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais do IES Pintor Colmeiro de Silleda, que non poderán ter relación directa cos participantes no concurso.
Segundo se recollen nas bases -que poderán consultarse na web municipal silleda.gal a partir da vindeira semana- só entrarán en concurso escaparates de exterior, e deben de estar elaborados dende o 5 de decembro permanecendo en exposición ata o 5 de xaneiro. Durante estes días, intentarase non modificar o escaparate concursante en canto ó contido e non poderán engadirse carteis ou reclamos que modifiquen o verdadeiro espírito do concurso.
Nos deseños ou exposicións deberán ofrecerse detalles alusivos ás festas do momento, con presenza obrigada de produtos de venda do establecemento, sendo libre a temática a empregar. Valorarase o esforzo por renovar os escaparates e o uso do galego nas mensaxes.
Dende a Concellería de Comercio agradécese a participación tanto dos comercio como das firmas e entidades colaboradoras así como a colaboración dos membros do xurado.
A concelleira de Comercio, Pili Peón, destaca ademais o esforzo “realizado por algúns comerciantes do noso municipio que durante todo o ano se esforzan por renovar e sorprendéndonos con orixinais creacións nos seus escaparates”, engade.