Silleda, 27 de xaneiro de 2020. O Concello de Silleda a través do departamento municipal de Vías e Obras, que dirixe Antonio Ferro Losada, acometerá nas vindeiras semanas un proxecto de mellora viaria en dous puntos do municipio.
Trátase de actuacións que se acometen con cargo á baixa no Plan Concellos 2018-2019, cunha inversión autorizada pola Deputación de Pontevedra o pasado mes de outubro.
Con cargo a esta partida acometerase a mellora de dous viais no lugar de Toxa, en Silleda e outra en Pedra Laxe, na parroquia de Saídres, onde se actuará sobre a cuneta.
A Xunta de Goberno Local adxudicou na súa última sesión estas actuacións logo de pedir orzamento a cinco empresas, das que solo tres presentaron propostas.
A actuación foi adxudicada a Construcciones Míguez Xestoso, por importe de 16.676,68 euros, sendo esta a oferta máis vantaxosa.
Con esta actuación dende o Concello de Silleda continúanse mellorando os accesos no rural do municipio.
“Estas obras virán a complementar outras melloras viarias que estamos a realizar dende o departamento municipal de Obras”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.