Comeza o proceso de investigación da concentración parcelaria de Oleiros

O proceso de reestructuración parcelaria da parroquia de  Oleiros continuou hoxe coa celebración dunha nova xuntanza na que se explicaron os trámites que os propietarios deben de realizar para iniciar o proceso de investigación sobre a titularidade das fincas. O alcalde, Manuel Cuiña, xunto cos concelleiros de Medio Rural, Jesús Taboada e de Obras e Servizos, Klaus Brey, asistiron ao encontro no que personal técnico da Consellería de Medio Rural e do Concello explicaron aos veciños as instruccións e documentación a adxuntar para identificar os seus predios.

No encontro xa se repartiron formularios para levar a cabo o proceso, que tamén estarán dispoñibles nas dependencias de Urbanismo do Concello. Así mesmo, presentáronse os planos da zona afectada polo proceso.

Todos aqueles que queiran consultalos poden facelo dende mañá no Concello (nas oficinas de Urbanismo, sitas na rúa Alfonso Trabazo), e tamén poden verse na páxina web da Consellería do Medio Rural, no seguinte enlace:http://mediorural.xunta.gal/nc/es/areas/infraestructuras/concentraciones_parcelarias/publicacions/

Do mesmo xeito tamén quedarán expostos nas vindeiras semanas no centro social de Oleiros.

Asamblea o 5 de abril

Por outra banda, o Concello xa convocou mediante edicto a asamblea veciñal na que se elexirán aos representantes dos propietarios na xunta local  (4 titulares e 4 suplentes) e no grupo de traballo. Estas entidades estarán formadas ademais por representates da Consellería e do Concello.

A asamblea terá lugar o vindeiro xoves 5 de abril ás 12:00 horas no local social de Oleiros.

A partir de ahí coordinarase un calendario de reunións entre as dúas Administracións para que os propietarios presenten a documentación.