Silleda, 18 de xaneiro de 2013. As dependendencias do mosteiro de Carboeiro acollen estes días unha mostra que reproduce unha escola tradicional do rural de mediados do século pasado (1940-1950), onde o público pode ver varios pupitres de distintas escolas, o encerado, a mesa e cadeira do profesor, así como diverso material escolar da época: mapas, libros, pizarras, pizarríns, cadernos,….
Estas pezas pertencen á Casa do Patrón de Doade (Lalín), un Museo Etnográfico que conta con máis de 2000m2 distribuídos en tres edificios, onde se expoñen máis de 3.500 pezas recollidas por toda a xeografía galega.
O Museo conta con trece salas de exposición organizadas por temáticas, onde se poden observar máis de 85 oficios tradicionais, moitos deles xa desaparecidos.
Esta exposición é froito de convenio de colaboración asinado recentemente entre a Concellaría de Cultura e Turismo do Concello de Silleda e a Casa-Museo de Codeseda, na parroquia lalinense de Doade, para a promoción e divulgación dos recursos culturais e turísticos da comarca do Deza.