Silleda, 21 de xaneiro de 2012. O Concello de Silleda prevé a adopción de medidas ante a presenza masiva de pombas na localidade da Bandeira. O concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, mantivo hoxe unha xuntanza con responsables da empresa Larus Control , á que xa lle encargou a elaboración dun estudo para ver a posibilidade de facerlle fronte a esta problemática.
A gran cantidade de excrementos que xeran nalgúns puntos da Bandeira está a supoñer un preocupante problema de suciedade e salubridade que xa motivou as queixas dos veciños. Cuíña explica que un dos puntos máis conflictivos está na rúa Xeral, xunto á parada dos taxis. “Neste caso hai gran cantidade de pombas que aniñaron no edificio que está ao lado, que a día de hoxe está desabitado”, explica. A Asociación de Veciños de Manduas (Avema) xa trasladara no seu día as queixas ao goberno municipal pola situación das beirarrúas neste punto, case intransitables pola gran cantidade de excrementos. “Hai que tomar medidas xa que ademais de estar a rúa sucia esta acumulación pode converterse nun foco de infección”, sinala o concelleiro. Tamén se rexistra unha elevada concentración no último tramo da rúa Ramón de Valenzuela. “Temos constancia de que as pombas están aniñando en edificios abandonados, e aínda que non se vexan, a longo prazo pode convertirse nun problema de insalubridade”, remarca o concelleiro.
Larus Control, a empresa que tamén se está a encargar de controlar a vaga de estorninos en Lalín, elaborará agora un plan de actuación para atallar a problemática. Esta empresa encargaríase de controlar a especie e do traslado dos animais ao seu centro cinexético. “Hai que actuar para evitar que os niños vaian a máis”, engade Manuel Cuiña.