O sistema de videovixiancia no parque empresarial Área 33 xa está en funcionamento

 

Silleda, 31 de xaneiro de 2013.  O circuito de videoxiancia do parque empresarial Área 33 de Silleda está xa en funcionamento. A empresa adxudicataria, Segurgal, está realizando os últimos axustes para conseguir unha maior definición do encadre de gravación para poder identificar aos posibles autores de infraccións.

Así o explicaron hoxe a alcaldesa, Paula Fernández Pena, e os técnicos da firma instaladora durante a visita ao polígono, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e o xefe territorial da Consellería de Economía e Industria, Ignacio Rial.

A alcaldesa e o presidente do colectivo de empresarios de Área 33, Juan Carballo, agradeceron aos representantes da Xunta a concesión da axuda autonómica coa que se realizou a maior parte da dotación.

O custe foi de 28.894,66 euros  dos que 26.005,19 (0 90%) corresponden á  subvención de Industria e o resto a fondos municipais.  A axuda, con Fondos Feder, enmárcase na orde o 3 de abril de 2012, para a concesión de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais, cofinanciadas  polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER 2007-2013).

 

 

“Esta actuación é moi importante sobre todo no ámbito da prevención, xa que a existencia das cámaras vai disuadir posibles roubos e actos vandálicos”, apuntou a alcaldesa.

Paula Fernández avanzou que “aínda que non se produciron roubos importantes, sí se sustraeron materiais” e se ten constancia, tal e como figura no informe da Policía Local que acompañou a petición da axuda, de “bastantes casos de conducción temeraria nas rúas de Área 33”.

Durante a visita ás instalacións da base de Protección Civil, onde está o equipo que recibe o sinal das cámaras, a rexedora explicou que unha vez que rematen os axustes das cámaras (hai 6 intaladas e outro dous canles abertos, co que poderían instalarse outras dúas), o sistema estará conectado á sede da Policia Local de Silleda, onde os axentes poderán ter información en tempo real se se producen incidencias. Así mesmo, a instalación conta con todos os permisos pertinentes no relativo á protección de datos.

O Concello tramitou a petición desta axuda a petición dos empresarios para garantir a seguridade no polígono.

Más de 30 inscritos en Silleda 10

Por outra banda, Paula Fernández aproveitou a presenza do xefe territorial de Industria, Ignacio Rial, para entregarle material informativo sobre o programa Silleda 10, que a día de hoxe supera xa as 30 inscricións. Rial é un dos integrantes da Mesa Local do Comercio, da que se convocou xa unha nova sesión para o vindeiro xoves día 7 (ás 14.00 horas), para abordar a celebración desta iniciativa. “Estamos moi satisfeitos pola resposta do sector do comercio”, sinalou a alcaldesa.