Silleda, 7 de febreiro de 2013. O Concello de Silleda acolleu hoxe unha nova sesión da Mesa Local do Comercio, na que foi protagonista o programa de dinamización Silleda 10. A falta de un día para o peche da inscrición (os comercios aínda poden anotarse na xornada de mañá venres) son xa 50 os establecementos que se sumaron a esta iniciativa pioneira, que se celebrará dende o 14 ao 23 do vindeiro mes de marzo.
Tanto o concelleiro de Comercio, Klaus Brey, como a alcaldesa, Paula Fernández, amosaron a súa satisfacción pola boa acollida que está a ter este programa, que ten como obxectivo revitalizar o sector e que xogando co número 10, símbolo de calidade, contará con diversas propostas para atraer aos clientes.
Nos vindeiros días, unha vez pechada xa a inscrición dos establecementos participantes establecerase un calendario para organizar esta iniciativa que rematará o día 23 de marzo con unha xornada de venta na rúa Cartaxena.
Na mesa local participaron tamén Rosa Mª Rivas, en representación da Administración Autonómica (como suplente do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, que non puido asistir); a presidenta do colectivo local ECOS, Fátima Costoya; e Alfredo Abeledo, traballador municipal, como secretario. No encontro disculpou a súa ausencia a última hora a representante da Federación de Consumidores, que non puido asistir por motivos de axenda.
No encontro, ademais dos detalles de Silleda 10, tamén se deu conta das actividades celebradas ao longo do pasado ano 2012. Así, ademais da campaña de Nadal, co concurso de escaparates, -no que se superaron as cifras de participación respecto a outros anos-, ou a campaña da árbore, tamén se falou da iniciativa Vender máis Nadal, posta en marcha pola Deputación de Pontevedra, entre outras actividades.