Comezan a traballar 7 desempregados no Concello a través do programa de Traballos de Colaboración Social

 

Silleda, 28 de febreiro de 2013. Mañá venres día 1 de marzo comenzarán a traballar no Concello de Silleda sete personas en situación de desemprego, a través do programa de Traballos de Colaboración Social. Estes traballadores foron solicitados á Oficina de Emprego o pasado mes de xaneiro. Os sete operarios seguiran percibindo o subsidio (abonado polo INEM), xa que seguen en situación de desemprego, e o Concello abonaralles a cantidade correspondente ata  completar a Base de Cotización Social, ou no seu caso o Salario Mínimo Interprofesional.

Dos sete operarios/as solicitados, 4 son peóns de limpeza (barrendeiros), para realizar tarefas de limpeza viaria. Tamén comezan outros dous operarios de xardinería, para acondicionamento e atención das diferentes áreas recreativas que son propiedade do Concello (parque das Pedrosas, parques infantís, áreas de descanso, áreas recreativas no rural, xunto á vía da prata…). Por último solicítase tamén un peón de electricista, para realizar actuacións enmarcadas no programa de aforro enerxético.

Os sete (seis homes e unha muller), que foron seleccionados pola Oficina de Emprego, terán o horario habitual dos seus respectivos departamentos e realizarán as función que lle correspondan por un periodo de 6 meses, ata o 31 de agosto. O concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña mantivo esta mañá un encontró coas persoas que participan neste programa e que comezan xa mañá a desempeñar tarefas no Concello.

 

Turno da maquinaria da Mancomunidade

Por outra banda, o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, informa que hoxe o equipo de maquinaria da Mancomunidade Terras do Deza iniciou unha nova quenda de traballo no municipio. Os dous equipos habituais, un pisón e unha motoniveladora, xa comezaron hoxe os traballos de ampliación dun camiño de terra en Fontefría (parroquia de Xestoso). Cuíña explica que ata que remate o turno, o vindeiro día 2 de abril, este equipo realizará diversos traballos en varios puntos do territorio municipal silledense.