Bando Informativo Cacharelas de San Xoán 2023

D. Manuel Cuiña Fernández, alcalde-presidente do Concello de Silleda,

FAI SABER

A raíz das celebracións de San Xoan, a noite do 23 de xuño do 2023:

Condicións xerais:

Este Bando afecta a aquelas fogueiras que sexan realizadas en terreos particulares e a aquelas autorizadas nos terreos municipais delimitados, o día 23 de xuño, a partir das 18.00 horas, as cales deberán quedar perfectamente apagadas antes das 06.00 horas do día 24 de xuño.

Unicamente poderán ser realizadas aquelas fogueiras que teñan efectuada a COMUNICACIÓN, por escrito ao Concello de Silleda,

As fogueiras nos terreos particulares deberán respectar as condicións que delimitan as autoridades autonómicas en relación á prevención de lumes.

Só se poderán realizar as fogueiras en terreos particulares localizados en solo urbano (núcleos urbanos) e en solo de núcleo rural (núcleos rurais).

Queda prohibido realizar lume en solo rústico con calquera uso (agropecuario, forestal…), así como en zonas próximas a terreos destas características que sexan susceptibles de causar un lume incontrolado, de acordo coa lexislación vixente.

Medidas preventivas:

– Con carácter previo ao inicio da fogueira, farase unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa de polo menos cinco metros de longo, rodeando o perímetro que se vai queimar.

– Non se prenderá lume a menos de 15 metros de calquera edificación, tendido eléctrico, instalación de calquera tipo ou vehículo ou árbores.

– Non poderá iniciarse ningunha fogueira cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento. Asemade, se iniciado o lume se producise a aparición de vento intenso, procederase a apagalo.

– Non se abandonará a vixilancia da zona da fogueira ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen dúas horas sen que se observen lapas ou brasas.

– Deberán terse á man medios adecuados para a extinción do lume.

– O volume de combustible que forme a cacharela non poderá exceder os 2 metros de altura e 3 de diámetro.

Outras medidas/condicións:

– Está prohibida a queima de todo tipo de residuos (materiais en cuxa composición interveña o plástico, colchóns, rodas, aerosois, produtos inflamables ou explosivos…), e en xeral, calquera substancia que ao arder desprenda gases ou fumes tóxicos.

– Prohíbese a realización de fogueiras no asfalto e en terreos públicos enlousados

– Os lugares públicos autorizados, nas zonas delimitadas para tal finalidade e nas zonas adxacentes, non debe quedar ningún tipo de resto, lixo ou material (tanto o da propia fogueira coma outro tipo de restos). Finalizada a fogueira, débense retirar os restos nun prazo máximo de 48 horas.

Revogacións:

– Este Concello, por iniciativa propia ou por instancia do Servizo Territorial de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, poderá impedir a realización de ditas fogueiras nos casos que non sexa posible garantir as medidas de seguridade e prevención de incendios.

– En caso de incumprimento do indicado, ou de queixas fundamentadas dos veciños, poderase requirir a extinción das fogueiras.

Observacións:

– Non son obxecto de regulación por este bando as comunicacións de queima de restos agrícolas amoreados, nin as autorizacións de queima de restos forestais, cuxa competencia lle corresponde á Consellería de Medio Rural.

– O cumprimento destas normas poderá ser comprobado pola Policía Local, Consorcio de Bombeiros, e/ou por Axentes Forestais do Distrito Forestal XVI, que darán conta das incidencias/infraccións detectadas.

Teléfonos de interese:

Bombeiros 986.58.14.00

Emerxencias: 112

O que se fai público para o seu coñecemento e debido cumprimento.

En Silleda, na data da sinatura electrónica.

O Alcalde

Asdo. Manuel Cuiña Fernández