Suspendido de forma temporal o proceso de elección dos Consellos Parroquiais

 

Silleda, 19 de marzo de 2013. O goberno municipal de Silleda decidiu suspender de forma temporal o proceso de elección dos Consellos Parroquiais, que se iniciou o mes pasado. Esta mesma mañá comezou a informarse aos veciños/as das parroquias nas que aínda estaba por celebrarse a votación, mediante bandos municipais, a decisión de suspender temporalmente o proceso.

O novo concelleiro responsable de Participación Cidadá, Manuel Cuíña, explica que a decisión de suspender de xeito temporal o procedemento, chega logo de ver a escasa participación da veciñanza nos comicios xa celebrados, así coma as renuncias. Ademais das que presentaron as persoas elexidas a sorteo para formar parte das mesas, tamén se produciron renuncias de representantes electos en catro localidades (Rellas, Margaride, Vilar e Breixa).  “A vista disto, estudiaremos o proceso para poder tomar unha decisión ao respecto”, sinala Manuel Cuíña.

A día de hoxe quedaban por celebrar eleccións dos Consellos Parroquiais en Refoxos, Laro, Escuadro, Carboeiro, Negreiros, Chapa, Siador, Fiestras, O Castro, Piñeiro e Manduas.