-O grupo, formado por 16 persoas de Canéjan (Francia) e 11 de Poggio Mirteto (Italia), visitará dende o próximo xoves 24 e ata o 31 diferentes lugares patrimoniais e desfrutará da gastronomía silledense. Este intercambio cultural está organizado polo Comité de Xestión de Proxectos Europeos de Silleda integrado por colectivos do municipio, en colaboración co Concello.
Silleda, 16 de agosto de 2023-. Silleda acollerá do 24 de agosto ao 31 a 16 persoas de Canéjan (Francia) e 11 de Poggio Mirteto (Italia), dous pobos cos que o municipio silledense está irmandado dende hai varios anos.
O programa deseñado polo Comité de Xestión de Proxectos Europeos de Silleda (Coxesi) en colaboración co Concello e distintas asociacións do municipio comezará o xoves 24, coa chegada dos participantes e a súa recepción no Centro Social de Cortegada, para posteriormente aloxarse nas casas das familias acolledoras.
A programación de actividades deste intercambio cultural baséase en dar a coñecer o patrimonio histórico e natural e a gastronomía de Silleda. Tamén se farán roteiros tendo o medioambiente e o rural como protagonistas.
O venres 25 realizarase unha excursión a Ourense para visitar a súa Catedral, o Casco Histórico e por suposto, As Burgas. Ás 20:00 horas, na Praza Siñor Afranio de Silleda, terá lugar o concerto que ofrece a Banda de Música Municipal de Silleda, aberto e de balde a calquera que queira asistir.
O sábado 26 será o día en familia. Tanto o grupo do intercambio como as familias acolledoras visitarán o Museo do Campo e a Mecanización. O xantar farase na Carballeira de Siador e pola tarde, o grupo Xirandola impartirá un obradoiro de música tradicional neste espazo natural.
Na xornada do domingo 27, o grupo fará un percorrido por Silleda para coñecer a Fervenza do Toxa e o conxunto Histórico-Relixioso de Abades (no que se inclúe a igrexa románica de Santa María e o Santuario da Virxe dos Desamparados). O xantar dese día será en Ansemil-Martixe, onde se degustarán callos e panceta, cociñados pola Asociación Veciñal de Ansemil-Martixe e pola Asociación Cultural O Cruceiro de Breixa visitando pola tarde o mosteiro de Carboeiro.
O luns 28 haberá unha ruta pola comarca do Deza para visitar o Pazo de Liñares, o Muiño Cuiña, o Pazo Anzuxao e Castro Deza.
Na xornada do martes 29 realizarase unha saída a Santiago de Compostela, onde o grupo de intercambio terá o día libre nesta cidade.
Por último, o mércores 30 visitaranse os murais do programa Mulleres de Extramuros en Cortegada e as instalación de Trasdeza Natur. Pola noite terá lugar a cea de despedida, tendo como protagonista a paella, o prato estrela de Cortegada.
Está previsto que nos actos participen membros das asociacións e colectivos que integran o Comité de Irmandamento. O Concello agradece a colaboración de Coxesi, AVECUCO, Xirandola, Banda de Música Municipal de Silleda, Asociación Veciñal de Ansemil-Martixe, Asociación Sociocultural de Cortegada, Asociación Feiral da Semana Verde, ao Museo do Campo e a Mecanización, Asociación O Cruceiro de Breixa, o grupo de Acordeóns da Escola de Música, pandereteiras As Ferreñas de Cortegada e a charanga Os Empanaos, así como ás familias que acollen aos participantes no programa.