-A empresa Laso Abnormal Loads conta cas pertinentes autorizacións do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e o permiso de tráfico.
-O operativo, para o que se depositou un aval no Concello, inclúe a retirada de farolas na rúa do Trasdeza (que se substituirán por proxectores provisorios) e doutro mobiliario urbano así como restricións no estacionamento. Os pases serán en horario nocturno para afectar o menor posible ao tránsito.
Silleda, 21 de agosto de 2023. O Concello de Silleda informa á veciñanza do operativo especial de transporte que discorrerá polo municipio a partir do vindeiro 29 de agosto para o traslado de elementos de parques eólicos en vehículos de grandes dimensión.
A empresa Laso Abnormal Loads solicitou o permiso ao Concello unha vez autorizado o pase deste transporte polas autoridades pertinentes e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para utilizar o tramo da estrada Nacional Santiago-Ourense (N525) entre Silleda e Chapa.
Realizaránse un total de 27 transportes en 17 pasos en horario nocturno, para unha menor afección ao tránsito na citada estrada.
Debido ás dimensións do transporte (con 50 metros de lonxitude) será preciso retirar varios elementos do mobiliario urbano, tarefas que asumirá a empresa de transportes.
Así, na rúa do Trasdeza está previsto retirar a partir de mañá martes 22 un total de 7 farolas e varios contenedores nos tramos curvos da principal arteria de Silleda (xunto ao consistorio e ao enlace ca rúa Pintor Colmeiro).
A firma de transportes substituirá durante o tempo que dure o operativo as farolas por focos/proxectores temporais debendo de garantir a mesma visibilidade e repoñendo, unha vez rematados os traslados, todo o material.
Así mesmo, deberá de señalizar as zonas onde se restrinxirá o estacionamento, tamén na rúa Trasdeza, para permitir o paso deste transporte especial.
Cruce de Chapa
O paso deste transporte especial afectará tamén ao cruce da estrada N-525 ca N-640 á altura de Chapa, onde será preciso modificar o sentido da circulación para o paso destes vehículos.
Laso vén de depositar un aval de 15.000 euros en favor do Concello de Silleda, por se fora necesario asumir danos en bens públicos municipais. O operativo levarase a cabo en coordinación ca Policía Local de Silleda.