O Plan Xeral de Silleda recibiu un total de 738 alegacións

 

Silleda, 26 de marzo de 2013. O departamento municipal de Urbanismo vén de pechar estes días o listado de alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que estivo exposto ao público dende o 17 de xaneiro ao 18 de marzo pasados. O cómputo final sitúa en 738 as alegacións recibidas por parte de propietarios/as, empresas, Administracións públicas e tamén as dúas forzas políticas da oposición.

No desglose por parroquias, os dous núcleos urbanos de Silleda a A Bandeira concentran o maior número de alegacións, con 123 e 62, respectivamente. No resto das localidades rurais, séguenlle en canto ao número, Siador (37) ; Taboada (36); Escuadro (31); Lamela (27); Parada (27); Oleiros (23); Negreiros (25);  Cortegada (24);  Cira (22); Breixa (22);  Graba (22); Laro (20); Vilar (19); Chapa (19); Fiestras (18); Piñeiro (18); Moalde (16); O Castro (15); Saídres (13); Abades (12); Cervaña (10); Ansemil (8); Margaride (8); Dornelas (7); Xestoso (7); Martixe (6); Rellas (5); Carboeiro (3); Refoxos (2); Pazos (1).

En canto aos motivos das peticións, en solo rural destacan as alegacións que piden incluir ou excluir parcelas de núcleos rurais. Así, contabilízanse máis de 200 para incorporar parcelas e unhas 60 que solicitan a exclusión.  En canto ao ámbito rural tamén se contabilizan reclamacións por liñas eléctricas de media ou alta tensión (trazadas de forma incorrecta ou inexistentes), referidas á anchura de viais, ampliación de parcela ou trazas de camiños en propiedade privada.

En canto aos dous núcleos urbanos, hai alegacións relacionadas co cambio na clasificación do solo, caso da rúa Pintor Colmeiro ou a rúa Agro de Silleda, e de ata tres ampliacións de novas zonas de desarrollo. Sobre a reducción de alturas só se contabilizou unha alegación na contorna dos calellos de Bandeira. Tamén se contabilizan alegacións que piden a catalogación ou descatalogación patrimonial.

Así mesmo hai preto dunha vintena de reclamacións referidas a cuestións xenerais como a reducción de protección en zonas de ríos, outras protexidas dende o punto de vista patrimonial ou pola existencia de cartografía sen actualizar.

En canto ás alegacións realizadas por outras administracións figura unha da Xunta, que pide a modificación de alineación dunha parcela; outra do Adif, na que se propón reconsiderar protección, ou as formuladas polos Concellos limítrofes. Sobre este último aspecto, presentaron  os Concellos de Lalín  e A Estrada por cuestións relacionadas cos lindeiros, que deberán dirimirse.

Tamén se rexistraron alegacións presentadas por asociacións, colectivos  empresas e tamén por parte dos dous grupos políticos municipais da oposición (nove por parte do PP e once do BNG ).

Reunión o vindeiro día 9

A alcaldesa e responsable municipal de Facenda, Paula Fernández, á vista do número e dos contidos das alegacións realiza unha valoración moi positiva en liñas xerais. “Segundo os técnicos da empresa redactora, se o número de alegacións se sitúa no 10% da poboación, considerase que está entre os máximos normais, e aquí nin sequera chegamos a esa porcentaxe”, engade Fernández Pena.

A partir de agora, continuarase o traballo coa resolución das mesmas quedando á espera da remisión dos informes sectoriais que faltan. A primeira xornada de traballo cos redactores do PXOM estabrécese para o vindeiro martes día 9 de abril, convocándose aos grupos municipais para explicar cómo se avaliarán as alegacións e o proceso a seguir logo da exposición pública.

“O proceso é longo por iso non podemos demorarnos nada para tentar cumprir prazos. Sillleda necesita un PXOM para o seu desenvolvemento”, engade Paula Fernández.