A Concellería de Educación potenciará e buscará fórmulas para dinamizar o Servizo Lúdico Educativo

 

Silleda, 27 de marzo de 2013. A Concellería de Educación, que dirixe Paula Fernández Pena, tratará de potenciar e dinamizar o Servizo Lúdico Educativo, que a día de hoxe está a ser deficitario. Dende o departamento municipal xa se está a negociar unha rebaixa coa empresa xestionadora, Vida Láctea, de cara a potenciar unha iniciativa “na que cremos firmemente, pero que precisamos dinamizar para evitar a súa desaparición”.

O vindeiro mércores día 3, a titular de Educación asistirá a un encontro cos responsables do servizo e cos pais dos cativos, tanto dos matriculados, coma os que estiveron con anterioridade ou os que estén interesados. “Queremos aperturar o servizo, promocionalo  para que os proxenitores coñezan o que se está a facer e os aspectos que queremos mellorar”, engade Paula Fernández.

Cando se fixo a concesión, prevíase unha asistencia de 90 alumnos/as de entre 3 e 12 anos. O curso comezou con 60 matriculados e a día de hoxe conta só con 39. Por iso, dende o departamento municipal estanse a buscar xa fórmulas para dinamizar o servizo, supeditado a unha maior afluenza.

Paula Fernández sinala que co persoal actual terían cabida outros 30 alumnos, “e non sería bo tampouco ter que prescindir dos monitores/as nestes momentos”, engade.

 

Becas e recuperación do acompañamento á catequesis

Entre as medidas que se están a barrallar destaca a concesión de becas puntuais en función da situación familiar. Algunhas das baixas chegaron ao quedar en situación de desemprego algún membro da unidade familiar. “A idea é axudar a esas familias concedendo axudas para que poidan continuar levando aos fillos ao servizo”, sinala a concelleira.  A concesión destas axudas permitiría a algunhas familias poder continuar cos cativos dentro do servizo, pero sempre atendendo a situación puntuais. Así, non se terían en conta o cómputo total de ingresos, senon que durante o tempo que un membro da unidade familiar esté no paro, se aplicaría esa axuda.  “Consideramos que dende o Concello debemos facilitarles a conciliación da vida laboral e familiar. Precisamente por iso creamos este servizo, pero na situación na que estamos hai que tomar medidas, e a concesión de becas, sempre atendendo a unha circunstancia familiar concreta será unha das liñas de apoio”, engade.

Outras das apostas será retomar o apoio educativo, cun sistema de control de traballo que permita aos pais/nais coñecer o traballo que realizan os nenos e nenas sobre as materias lectivas durante a súa estancia no servizo. Tamén se recupera o servizo de acompañamento á catequesis para todos aqueles que o soliciten. A supresión deste servizo, que se viña facendo en anos anteriores, motivou alomenos cinco baixas.

Así mesmo, tamén se está a plantexar incluso a implantación do servizo no CEIP da Bandeira, para o que hasta agora se pedía un número mínimo de alumnos. Neste caso non sería necesario establecer un mínimo de prazas.

Do mesmo xeito, tamén se promocionarán actividades do servizo e se abrirá a participación dos alumnos/as usuarios noutras actividades municipais.

“Cremos firmemente neste servizo no que na anterior lexislatura chegou a haber ata 116 nenos e nenas, pero parece que algo falla, por iso é moi necesario potencialo e dinamizalo”, sinala Paula Fernández,