-O Concello de Silleda, no marco do proxecto provincial “DA TÚA MAN”, repartirá un novidoso packaging sostible e reutilizable, entre todos os comercios do concello
-Poderán solicitarse a partir do vindeiro luns. Repartirase por lotes e ata esgotar existencias
Silleda, 16 de setembro de 2023. O Concello de Silleda vén de remitirlle a todos os comercios do municipio unha comunicación na que os convidan a participar nunha nova acción do proxecto da Deputación de Pontevedra “DA TÚA MAN”, que consiste no reparto dun novidoso packaging sostible e reutilizable. Ademais de servir para reforzar a imaxe de marca do comercio local, funcionará como soporte para o lanzamento de campañas de sensibilización en relación á economía circular, a través dun código QR impreso no mesmo.
Así pois os comercios silledenses poderán solicitar ata tres tipos de lotes de bolsas de diferentes tamaños e materiais, que van dende o plástico ou algodón reciclados ata o PLA 100% compostable, para servir os seus produtos.
A concelleira de Promoción Económica, Paula Fernández, explica que “con estas bolsas búscase, non só, a concienciación da importancia da economía circular mediante o reciclado de materiais, senón que ademais se reforce a imaxe de marca do comercio de proximidade como destino sustentable e respectuoso co medio ambiente onde se potencie o consumo responsable”.
Como novidade, as bolsas levarán un código QR impreso onde poder consultar diferentes campañas de sensibilización que teñen por obxecto mellorar a xestión de residuos ou información con pequenas accións que se poden facer no día a día para contribuír a sustentabilidade e á loita contra o cambio climático. Trátase, ao fin, de que a cidadanía acceda dun xeito divertido e novidoso á información sobre a importancia da economía circular.
Os comercios que desexen participar nesta acción poden solicitar o seu material no Concello de Silleda a partir deste luns día 18. O reparto farase por lotes e ata esgotar existencias.
Esta acción enmárcase no proxecto “DA TÚA MAN” que a Deputación provincial puxo en marcha no 2021 coa intención de favorecer a creación, desenvolvemento e consolidación de negocios do sector do comercio polo miúdo na provincia, así como axudarlles a abordar os novos retos competitivos trala pandemia pola Covid-19.
Ata o día de hoxe, e grazas a este proxecto, en Silleda se teñen instalado tótems dixitais interactivos para a promoción do comercio local, illas ecolóxicas para a recollida selectiva de residuos ou a posta en marcha de accións de sensibilización e formación, como a de competencias dixitais para comerciantes, a de habilidades dixitais para consumidores vulnerables ou o curso de deseño de novos packaging sostibles.
As actuacións do proxecto “DA TÚA MAN” buscan apoiar mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización, proporcionando os cambios necesarios para reactivar o comercio da man, tanto de comerciantes, poñendo en marcha medidas para modernizar e iniciar a transformación dixital dos seus negocios, así como da cidadanía, que é preciso que xogue un papel protagonista no impulso dunha actividade tan esencial como é a do comercio.